Manifesto Miñor presentará no vindeiro Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, que se celebrará este mércores día 6 de marzo ás 13:30 horas en Baiona, unha moción sobre a situación actual do GES. Solicitan o nomeamento urxente dun responsable político entre os membros do actual Goberno da Mancomunidade para este mandato (a ser posible mantendo o mesmo criterio para os vindeiros mandatos) co obxecto de organizar o servizo e velar polo correcto funcionamento do mesmo: cuadrantes anuais, quendas, reforzos, implantación dunha metodoloxía de traballo, convenio, axilización das contratacións para cubrir baixas laborais, vacacións ou necesidades do servizo… e coa responsabilidade de actuar de interlocutor autorizado entre a Mancomunidade e o GES, ou mediar entre as partes nos conflitos existentes, etc.
“Por razóns obvias en Manifesto Miñor cremos firmemente na utilidade desta Mancomunidade e nos seus obxectivos e, sobre todo no espírito cooperativo que deron lugar ao seu nacemento nos anos 1980. Estamos convencidos que é o foro máis acaído para axudar a mellorar a calidade de vida da veciñanza da comarca, mesmo facendo economía de escala á hora de ofertar ou executar aquelas prestacións ou proxectos dentro do noso ámbito competencial. E todo isto fóra do debate ou das leas políticas, lexítimas, que moitas veces impiden os acordos nas nosas respectivas corporacións municipais, cousa que mesmo sería exemplarizante e moi ben recibida pola veciñanza miñorá nos tempos que corren. Non imos citar nesta moción cales poderían ser as actuacións máis necesarias ou urxentes, ou trazar unha folla de ruta. Tempo haberá”, sinala Antonio Araújo.
“Agora, co verán ás portas coma quen di cómpre volver tratar a situación do GES para tentar resolvela definitivamente dun xeito dialogado e cumprindo vellas promesas como son a ampliación do persoal e a creación dunha bolsa de traballo que permita que as substitucións sexan feitas con axilidade, delimitación das tarefas dos efectivos, unha correcta xerarquización do servizo, traballos extras, vacacións e libranzas…o convenio, etc. Un servizo fundamental para a comarca pois salvan vidas e sempre son os primeiros en chegar, entre outras razóns pola proximidade e polo coñecemento que teñen do territorio. Recomendamos examinar a súa folla de servizo e verán as miles de intervencións que levan feito nos últimos catro anos, moitas veces en condicións de absoluta precariedade de falta de persoal poñendo en perigo a vida dos propios traballadores do GES”, engade o voceiro de Manifesto Miñor.
“Trátase polo tanto de que a institución pública que representa esta Mancomunidade, na súa condición de responsable do GES, se implique de vez collendo as rendas do mesmo e facendo que cumpra o seu cometido cos medios necesarios e sobre todo co ambiente de traballo imprescindible para que funcione. Ou iso, ou xestionar a incorporación do GES do Val de Miñor ao consorcio Deputación-Xunta. Queda claro que estamos diante dun servizo imprescindible para a comarca que non pasa polo seu mellor momento e que cómpre reverter para evitar a súa desaparición”, conclúe Araújo.

