Sin categoría

O programa da Festa da Arribada estará dispoñible en Braille por primeira vez

O programa da Festa da Arribada 2024 estará dispoñible en Braille, o medio de lectura táctil que empregan as persoas cegas, na oficina de turismo municipal de Baiona. Trátase da primeira edición da celebración na que as persoas invidentes poderán facer uso do programa neste formato. A oficina de turismo de Baiona pertence á rede info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e a impresora que posibilita a impresión en braille é un dos elementos que se achegaron dentro da dixitalización da oficina de turismo baionesa.

Así mesmo, cabe lembrar que o Gran Torneo Medieval e as representacións teatrais da fin de semana da “Arribada do Descubrimento” contarán con interpretación de linguaxe de signos. Tamén a primeira fila das bancadas situadas no Paseo Ribeira estará reservada para persoas con mobilidade reducida durante todos os espectáculos que se celebren no areal.

Desde o Concello de Baiona está a traballarse nun plan de accesibilidade, facilitando non só a accesibilidade física, senón o acceso á información de todos e todas para que a Festa de Interese Turístico Internacional de Baiona sexa de carácter inclusivo.