Sin categoría

Somos Nigrán denuncia o uso abusivo dos puntos de recarga eléctrica gratuítos do municipio

O Concello de Nigrán conta con dúas estacións municipais de recarga para vehículos eléctricos que ofrecen un servizo totalmente gratuíto ás persoas propietarias destes coches enchufables. Con todo, nos últimos tempos detectouse que en moitas destas prazas prodúcese un uso abusivo por parte dalgúns condutores que ocupan a praza durante moito máis tempo do que é estritamente necesario para completar a carga do vehículo. A Plataforma Cidadá Somos Nigrán critica duramente que o propio Alcalde non utilice de forma sensata este servizo, sendo habitual ver o seu coche particular estacionado e cargando durante horas nas prazas destinadas a estes puntos de recarga gratuítos.

No ano 2018 coa instalación da primeira electrolineira municipal, o Goberno Local anunciaba a gratuidade deste servizo para persoas empadroadas en Nigrán que solicitaran unha tarxeta magnética, sendo o tempo máximo de recarga unha hora. Pero no ano 2022 cando se estreou a segunda instalación municipal e gratuíta á beira do consistorio e dotouse de senllos enchufes a dúas prazas do aparcamento municipal da Ramallosa, os requisitos de acceso a este servizo gratuíto modificáronse, pasando a ser para todas as persoas propietarias de coches eléctricos que solicitaran no Servizo de Atención Cidadá a tarxeta magnética válida para fornecer enerxía durante un tempo máximo de 120 minutos.

Desde Somos Nigrán solicitan a creación dunha ordenanza que estableza que cada coche poderá estar estacionado un máximo de dúas horas diarias nunha destas prazas e, unha vez superado este tempo, as persoas usuarias pasen a pagar 0,10 euros por cada minuto de exceso. Consideran necesaria esta medida co fin de que todas as persoas usuarias deste servizo estean en igualdade de condicións e se faga un uso responsable das instalacións.