Sin categoría

Gondomar pon en marcha un curso gratuíto de atención ao público para mulleres

O Concello de Gondomar, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, pon en marcha un curso para a formación en atención ao público, que inclúe materias como o empoderamento para o proceso de procura de emprego, ou a igualdade de oportunidades. O curso, cun total de 15 prazas, terá unha duración total de 150 horas, das que 70 serán teóricas e 80 prácticas en diferentes empresas. O obxectivo é brindar unha oportunidade a 15 mulleres residentes en Gondomar que pola súa situación teñen dificultades para o acceso ao emprego, mellorando a cualificación e aumentando as súas posibilidades de inserción.

As participantes aprenderán técnicas e habilidades efectivas en relación á atención ao cliente de forma teórica e tamén práctica. O inicio do curso será o 13 de marzo en horario de 9:30 a 13:30 horas e as inscricións estarán abertas desde o 27 de febreiro a través do rexistro ou na Sede Electrónica do Concello de Gondomar. O alcalde Paco Ferreira sinalou que “desde as administracións temos que facer todo o que estea na nosa man para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres en todos os ámbitos, e este curso é un exemplo das políticas de inserción laboral das mulleres que temos que apoiar e fomentar”.

Máis información no Centro de Información á Muller nos teléfonos 986389355 ou 986360224 ou no correo electrónico aio@concellodegondomar.gal.