O Concello de Nigrán entregou na mañá deste sábado os premios do xa tradicional concurso de máscaras “AFAGA Alzheimer” e no que competían os diferentes centros xestionados por esta entidade, entre eles o Centro de Enfermidades Neurodexenerativas do Concello de Nigrán, en Panxón. Así, os usuarios de cada centro realizaron conxuntamente cadansúa máscara para expoñer na entrada do Auditorio Municipal de Nigrán e que o público votase as súas tres favoritas.
Os resultados foron: primeiro premio para o Centro Terapéutico de O Porriño (300 votos), con clara inspiración nas diferentes máscaras do Entroido en Ourense; a segunda ao Centro de Día Beiramar-Vigo (267 votos), cun deseño plateado minimalista decorado con cunchas; e a terceira a do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón-Nigrán (107 votos), con aspecto de peixe.
Todos os centros participantes (Martínez Garrido, Beiramar, O Porriño, Ponteareas, Salceda, Redondela, Chapela, Mos, Tui e Nigrán) recibiron cadanseu diploma no Auditorio Municipal da man da concelleira de Maiores de Nigrán, María Mayán, e do presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.




