A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,7 millóns de euros para que dez concellos da provincia contraten a 101 persoas, afronten gasto corrente e impulsen novos investimentos ao abeiro das liñas 1, de investimentos, 2, de gasto corrente, e 3 de emprego do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos Gondomar, A Guarda, Meis, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Salvaterra e Vilanova. “Seguimos sumando, tendendo pontes, transformando esta provincia para que vaia a máis e os datos son claros: no que vai de ano ao abeiro do Plan +Provincia, o programa que está a transformar como nunca antes se fixera Pontevedra, temos aprobado xa 6 millóns de euros para os concellos”, asegurou o presidente Luis López.
No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou 1,3 millóns de euros para que os concellos de Gondomar, A Guarda, Meis, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas e Salvaterra de Miño poidan contratar a 101 persoas desempregadas. “Ata o de agora aprobáronse preto de 5,4 millóns de euros para que 34 concellos contraten a 443 persoas desempregadas o que supón que en menos dun mes e medio temos xa aprobado o 58% desta liña”, detallou o presidente. Gondomar beneficiarase de 213.838 € para contratar a peóns de obras públicas (7), administrativo (1), auxiliar administrativo (1), condutor de camión (1), palista (1) e tractorista (1).

