Sin categoría

Deteñen ao autor de dezaseis roubos con forza en lavanderías da provincia

A Policía Nacional da comisaría provincial de Pontevedra xunto coa comisaría de Vilagarcía de Arousa e o Grupo de Patrimonio da UOPJ da Garda Civil de Pontevedra, xunto coa Garda Civil de Sanxenxo deteñen nun operativo conxunto ao autor do roubo con forza de dezaseis lavanderías cometidos nos últimos meses. O primeiro dos feitos remóntase ao 28 de novembro cando se tivo coñecemento do primeiro roubo con forza nunha lavandería de Pontevedra na que se subtraeron 700 euros da recadación e causáronse danos por valor de 1.800 euros.

A partir dese momento producíronse continuos roubos en diferentes lavanderías aproveitando o horario continuo e a ausencia de clientes en horario nocturno. Por mor destes roubos con forza en diferentes lavanderías da cidade, na comisaría provincial montouse un dispositivo para tratar de deter ao presunto autor dos feitos. O modus operandi sempre era o mesmo, o presunto autor facía uso de ferramentas para forzar a caixa de recadación e extraer o caxetín do diñeiro.

Esta persoa tamén se desprazou a distintas localidades da provincia nas que comete novos roubos neste tipo de establecementos, polo que se inicia un novo dispositivo esta vez en conxunto coa Garda Civil, que tamén mantiña un operativo aberto por este tipo de subtraccións, e que culminou coa detención desta persoa e a investigación dunha muller con domicilio en Pontevedra, de 58 anos, que lle auxiliaba nos roubos.

O día 5 de febreiro prodúcese a detención e, baixo a tutela do Xulgado número DOUS de Pontevedra, leva a cabo a entrada e rexistro no domicilio do detido onde se localizan as pezas coas que presuntamente cometía os roubos, ademais de palanquetas, patas de cabra e outros elementos cos que fracturaba as caixas, así como algúns caxetíns de recadación subtraídos.

O detido, un home de 51 anos, con domicilio en Pontevedra e diversos antecedentes policiais, foi posto ao dispor xudicial xunto coas dilixencias instruídas, e decretouse o seu ingreso en prisión.