Sin categoría

Baiona presenta a súa Arribada máis cultural

Baiona acollerá a próxima fin de semana, 1, 2 e 3 de marzo, a celebración da 28 edición da Festa da Arribada da Carabela Pinta. A presentación da programación tivo lugar este xoves na Casa da Navegación, onde interviñeron a Concelleira de Festexos, Ruth Álvarez González, a Concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, ou o Presidente de Aceba, Marcos Comesaña Chamorro. Tamén a Xefa da zona Vigo-Sur de ABANCA, Ángela Rodríguez Miguenss, o Xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas Calviño, o Presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, e pechando a quenda de intervencións o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

O rexedor destacou que a Arribada é unha festa que non sería posible sen os veciños e veciñas de Baiona. Fixo mención á importancia de Baiona como porto de abrigo e lugar de acollida por parte dos veciños. “Precisamente unha gran acollida é co que se atoparán ese gran número de visitantes que esperamos a próxima fin de semana. Estamos a traballar para que a Arribada consolídese como un punto de partida importante da desestacionalización do turismo en Baiona. Un turismo sostible”.

O Concello de Baiona quere nesta edición 2024 darlle máis importancia ao transfondo histórico desta importante efeméride, polo que o rigor histórico será o fío condutor da festa. Así, a Real Vila inicia a súa viaxe para revivir un dos momentos históricos que marcaron non só a súa propia historia senón o devir do mundo occidental: a Arribada da Carabela Pinta de Martín Alonso Pinzón coas noticias do descubrimento do “novo mundo”.

O evento por excelencia de Baiona e unha das grandes festas do ano en Galicia chega con importantes novidades. Recupéranse espazos como o xardín da biblioteca e os xardíns da Casa da Navegación para acoller actividades. Precisamente os xardíns da biblioteca acollerán unha peza importante: a Maqueta da “Vila Vella e Monte Boi” de Jose Da Costa, recreación da antiga vila de Baiona.

Volve a cetrería: recupérase a cetrería porque é un dos emblemas da festa, como doutras festas medievais. Na edición 2024 da Arribada volverán os voitres, aguias e falcóns que protagonizan os espectáculos de cetrería. Gran espectáculo de Cetrería Montada a cargo de Águilas de Valporquero, onde falcóns e falcoeiros mostrarán esta arte milenaria.

Recupéranse nesta edición as danzas medievais. Realizaranse concertos de música antiga no Convento das Nais Dominicas. Cantigas do século XIII, XV e XVI a cargo do Trío Cámara do Grupo de Cámara da Unión Musical de Valladares. O sábado 2 de marzo ás 19:00 horas. Mentres que o domingo día 3 marzo ás 13:10 haberá o concerto “María Pérez maenfestou. Cantigas de escarnio a María Balteira” a cargo do grupo Manseliña.

A Arribada 2024 tamén está enfocada a un público moi familiar con moitas actividades no Parque da Palma enfocadas ao goce dos máis pequenos da casa. A diversión infantil arribará a Baiona e converterase durante toda a fin de semana nun gran parque temático de lecer e aventura onde os nenos e nenas dispoñen de variadas propostas de entretemento: o parque de aventuras e atraccións medievais; o campamento de Adestramento de Cabaleiros; a “Alameda dos Aprendices” con obradoiros infantís para os máis pequenos: cuñaxe de moedas, olería, tapices de época, escritura gótica, coiro, lacrado, bordados, gravados en madeira e ourivaría ; a Zona Ludopuzzle; o Campamento Militar Medieval; espectáculos de marionetas… son outras das animadas propostas.

Programa “A que xogas da Xunta de Galicia”. O sábado 2 de marzo, durante 4 horas de forma itinerante este programa busca a concienciación dos mozos participantes acerca das substancias aditivas, na que de forma virtual e mediante dinámicas como a diana trivial, o rasca e gana e as lentes, experimentan unha simulación dos efectos nocivos das diferentes drogas que afectan hoxe en día a unha parte dos nosos mozos, concienciando e tratando de evitar caídas neste tipo de adiccións.

Introdúcese como novidade á zona gastro do Paseo Ribeira a “Taberna de Pinzón” coas viandas gourmet da Arribada, onde se poderán degustar petiscos salgados.

Arribada Sostible. Vai facer entrega gratuíta aos asistentes de cinceiros de peto de material reciclado e serigrafiado que se distribuirán no punto de información da festa e na oficina de turismo, co obxectivo de minimizar a xeración de residuos, tratando de evitar que se tiren as cabichas ao chan e reducir o impacto ambiental. Vai aumentar o número de contedores en diversas localizacións, tanto para aumentar a capacidade como para facilitar a correcta separación das distintas fraccións de residuos. Reforzo importante da limpeza e servizos de urinarios máis confortables van directamente con conexión directa á rede de saneamento con garantía de uso sen problemas.

A Arribada 2024 tamén crece en número de postos, para dar cabida á alta demanda de solicitudes. Tramitáronse un total de 187 solicitudes de ocupación de vía pública:
– 64 postos do Concello: venda de artesanía, situados na rúa Carabela Pinta e Cidade de Vigo.
– 75 postos propios de comida (26) e de artesanía (49) situados na rúa Marqués de Quintanar, Praza Pedro de Castro, Carabela Pinta, Paseo Ribeira, e Santa Liberata.
– 31 postos dos establecementos da Vila que ocupan a fachada do propio negocio.
– 17 asociacións gremiais, Praza Santa Liberta.
– 5 Paradas dos Pobos Irmáns (Palos de la Frontera, Pornic, Vila do Bispo, Cuba e Baiona).

Aumento da seguridade. A Festa da Arribada 2024 contará cunha rede de cámaras de vídeo vixilancia para aumentar a seguridade durante a súa celebración, evitar roubos e resolver incidencias. Ampliación do horario nocturno de ambulancias e protección civil pasta o desaloxo dos locais de lecer. Aumento significativo da seguridade e os servizos médicos.

Aínda que o evento en si arranca o 1 de marzo, recupéranse os ciclos de conferencias con temática vinculada co feito histórico na Casa da Navegación de Baiona. O mércores 28 de febreiro ás 20:00 horas haberá un relatorio baixo o título “Martín Alonso Pinzón. O Mariño que adiantou a Colón”, a cargo da Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid Dª. María Jesús Sío. O xoves 29 á mesma hora será a quenda da Doutora en Historia da arte Dª. Carmen Manso Porto, que falará de “A vila e o porto de Baiona no século XV”.

A través da Concellería de Igualdade se volverá sensibilizar ao público da Arribada en contra da violencia machista coa instalación dun punto violeta que contará cun equipo técnico experto en xénero e igualdade. “Punto Lila”: Venres de 20:30 a 03:30 horas e Sábado de 20:30 a 03:30 horas. Á beira da Oficina de Turismo.

Cartelería e difusión 2024. O Concello de Baiona volve á esencia cultural da Festa da Arribada cunha ilustración protagonizada pola Carabela Pinta e a Fortaleza de Monterreal como cartelería de promoción da edición de 2024. Tamén se puxo en marcha unha nova forma de difusión da Arribada. As imaxes da Festa de Interese Turístico Internacional e a cartelería estarán durante todo este mes en 40 das oficinas de maior afluencia de correos de Madrid, de Castela e León e das principais cidades galegas.

Programa Arribada Galego 2024

Programa Arribada Castellano 2024