Durante os días venres 1, sábado 2 e domingo 3 de marzo, Navieira Mar de Ons realizará, como vén sendo habitual nestas datas, o servizo de transporte con motivo da celebración da Festa da Arribada de Baiona. Este ano, atendendo á demanda dos usuarios, prestará servizo tamén desde Cangas e Vigo a tarde do venres. Durante o sábado e o domingo, a navieira ofrecerá un amplo abanico de horarios, con saídas desde Vigo, Cangas e tamén desde o porto de Panxón. Os interesados contarán con regresos desde Baiona pola mañá, tarde e noite para poder gozar plenamente desta festa de carácter histórico na que esta edición quíxose rescatar a orixe da propia Festa da Arribada e que conta co recoñecemento como festa declarada de Interese Turístico Internacional. “Levamos máis de 20 anos ofrecendo este servizo de transporte marítimo en colaboración co Concello de Baiona que ten por obxectivo reducir o volume de tráfico que se xera na vila durante a celebración desta festa. O barco convértese no medio de transporte máis sostible, cómodo e rápido para acceder a Baiona. Desde que fora declarada como festa de Interese Turístico Internacional hai case 10 anos, a demanda foi en aumento, tanto é así, que na edición anterior desprazáronse a bordo máis de 2.000 persoas”, indica Silvia Torres, responsable comercial da navieira.
O transporte marítimo permite facilitar o acceso a Baiona evitando, entre outros, os problemas de aparcamento e retencións, sendo todo un éxito este servizo de transporte entre os visitantes que se achegan desde diferentes puntos da Ría de Vigo que escollen o barco como alternativa a outros medios de transporte. O prezo para os billetes de adulto ida e volta será de 9,50 € desde os portos de Cangas e Vigo, e de 6,00 € para os nenos entre 4 e 12 anos. Os billetes de adulto con saídas desde o porto de Panxón, serán de 6,50 €, ida e volta, sendo de 4,50 € os billetes para os nenos entre 4 e 12 anos. Desde calquera porto os nenos (0-3 anos) viaxarán gratis. A venda de billetes está xa dispoñible a través da páxina web de Mar de Ons http://www.mardeons.com. A navieira recomenda a todos os interesados que consulten e reserven na web para coñecer en tempo real os horarios dispoñibles e portos de saída con destino a Baiona e deste xeito non quedarse sen praza.
*Estes horarios son susceptibles de ser modificados e/ou cancelados por causas meteorolóxicas e/ou de forza maior.
Viaxes ás Illas Cíes o sábado 2 de marzo
Esa mesma fin de semana, Navieira Mar de Ons tamén ofrecerá, como xa vén sendo habitual nesta época, excursións guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os interesados contarán con saídas desde Cangas e Vigo o sábado 2 de marzo. Para visitar as Illas Cíes desde Baiona, os particulares poderán facelo durante Semana Santa, e para viaxes en grupo, calquera día do ano previa reserva a través de comercial@mardeons.com.


