O Concello de Gondomar continúa co seu ciclo de teatro infantil e familiar. A encargada de subirse ao escenario do Auditorio Municipal Lois Tobío o próximo domingo 25 de febreiro, ás 19:00 horas, será a compañía “O Baúl da Tía Tola” coa súa obra “Lixo”. “Lixo” está creado a partir de material plástico reciclado como bolsas de lixo, cubertas e esqueletos de tendas de campaña… co que facer escenografías para o xogo a partir de obxectos que poderían ser simples desperdicios. Mergullarémonos nun mundo de plásticos, luces, sonoridade e movemento.
As dúas protagonistas, unhas bailadeiras moi peculiares, vivirán unha aventura na que teñen que “crear cultura a partir da varredura”. Comunícanse con pareados, móvense con pasos de ballet inventados por elas mesmas e axúdanse das luces para crear diferentes atmosferas ao longo do espectáculo, dando así ritmo e rima á obra. As entradas poden mercarse xa na taquilla electrónica do Concello de Gondomar a un prezo de tan só 2,50 euros.

