Sin categoría

A Unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil estreou hoxe novas instalacións no Hospital Nicolás Peña

A Área Sanitaria de Vigo unificou as consultas externas da Unidade de Psiquiatría Infanto-Xuvenil no Hospital Nicolas Peña. Así, a Unidade emprazada no hospital Álvaro Cunqueiro trasladouse ás instalacións reformadas do hospital da Avda. Camelias. O xerente da Área, Javier Puente, achegouse ata a Unidade para visitar as novas dependencias.

O servizo de Admisión xa avisou a todos os pacientes citados ata o mes de maio deste cambio de emprazamento, que non conleva modificación algunha do día e hora de citación. No novo dispositivo, a Unidade conta con máis capacidade, cunhas instalacións máis amplas e mellor dimensionadas para a atención destes menores. Así, dispoñen do dobre de consultas, pasando das 5 do Álvaro Cunqueiro ás 10 actuais, ademais dunha sala de terapia grupal.

Segundo explica o xefe do servizo de Saúde Mental, Jose M. Olivares, “o obxectivo desta reorganización é centralizar toda a atención psiquiátrica ambulatoria infantil e aproximala ao centro da cidade, ofertando así unha mellor accesibilidade e posibilitando unha maior continuidade asistencial, dado que no Nicolás Peña tamén está situado o Hospital de Día para estes pacientes”.

Maior especialización

O novo dispositivo permitiu incrementar o persoal coa incorporación dunha enfermeira especializada en saúde mental. En total, esta Unidade é atendida por 4 especialistas en psiquiatría, 4 psicólogos, 1 enfermeira, 1 TCAE, 1 traballadora social e 1 administrativo. Esta reorganización posibilitará realizar programas especializados, con axendas médicas específicas para atender patoloxías como trastornos da conduta alimentaria ou do espectro autista, entre outras.