O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a través dunha moción do grupo municipal socialista, que se debaterá no próximo pleno da corporación, insta á Xunta de Galicia á devolución do “canon das depuradoras”. No ano 2022 cando a Xunta de Galicia presentou o primeiro borrador da Lei do Ciclo Integral da Auga, tanto a Deputación de Pontevedra como a Federación Galega de Municipios e Provincias e un bo número de concellos galegos presentaron alegacións e advertiron que se aveciñaba “un sablazo fiscal para os concellos de Galicia”. “Naquel momento a resposta da Xunta foi negalo, e afirmar que esta nova lei e os novos impostos que a acompañaban non ían ter impacto para as economías dos concellos, algo que despois da súa posta en marcha de forma chapuceira, sen un regulamento que a acompañe, demostrouse totalmente falso. Incluso as primeiras previsións efectuadas polos concellos afectados é que establecían un incremento no custo dun 60%, quedáronse curtas”.
No caso do Concello de Gondomar, o coñecido como “imposto á choiva” supoñerá nada máis e nada menos que 409.858.78 euros anuais que xa foron xirados, e supoñen un grave prexuízo para as arcas municipais, que inevitablemente conlevará directa ou indirectamente a un incremento dos impostos municipais para garantir a viabilidade económica da administración local, e para poder seguir prestando os servizos á cidadanía. O rexedor local lembra que “este novo atropelo da Xunta de Galicia, súmase ao resto de competencias impropias que temos que asumir os concellos e que son competencia da administración autonómica, como o Servizo de Axuda no Fogar, o Centro de Información á Muller, a Lei de Benestar Animal, a Lei de Incendios ou o mantemento dos centros educativos entre outras moitas”.
Paco Ferreira quixo incidir en que “a depuradora de Gondomar dá servizo tamén a outros concellos limítrofes, como é o caso do Concello de Vigo e as liquidacións que nos reclaman están a facerse de xeito estimativo sen saber realmente que volume do que chega á depuradora lle corresponde a cada concello, e tampouco coñecemos os medios empregados para a medición do caudal que entra na EDAR”. Por todo isto o alcalde reclama á Xunta de Galicia que asuma integramente o custo da xestión da EDAR de Gondomar e que devolva os máis de catrocentos mil euros xa xirados e que modifique a Lei Integral do Ciclo da Auga para eliminar este canon abusivo.
Por último, a través desta moción ínstase á Xunta a que elabore un cadro cuatrienal de financiamento de obras hidráulicas na totalidade dos concellos de Galicia, para solucionar, con criterios regrados e obxectivos, os problemas de eficacia das redes de abastecemento, e que afecta sobre todo a concellos como o de Gondomar, cunha gran dispersión poboacional, e cuns recursos propios moi limitados.

