Sin categoría

Dous detidos por tres roubos con forza e outro en grao de tentativa

O equipo EBIO da Garda Civil de Tui detén a dúas persoas como presuntos autores de tres delitos de roubo con forza e outro en grao de tentativa en varios establecementos e unha igrexa. A investigación iníciase por mor da recepción de dúas denuncias presentadas en Tomiño, dun establecemento de hostalería e da escola infantil, por delitos de roubos con forza, nos que levaron diñeiro en efectivo e dous computadores portátiles.

Nesas mesmas datas tense coñecemento doutra denuncia por tentativa de roubo na Guarda, por parte do propietario dun bar. E unha última en Tui, onde presenta denuncia no Posto da Garda Civil o párroco da igrexa San Francisco de Tui, que denuncia danos en seis lampararios que romperon e un peto grande de madeira onde se recollen esmolas, e a subtracción de todo o diñeiro que había neles.

O equipo EBIO de Tui realiza inspeccións oculares así como diversas xestións e pescudas para o esclarecemento dos feitos, chegando á identificación como presuntos autores dos mesmos dunha parella de nacionalidade portuguesa, que leva residindo na Guarda os últimos meses. Os computadores foron vendidos a unha muller con diversos antecedentes policiais por sucesos similares, que recoñece os feitos e fai entrega dos computadores. O denunciante recoñéceos e procédese á entrega dos mesmos.

As dilixencias e os detidos foron postos ao dispor do Xulgado número TRES de Tui que decretou a súa liberdade con cargos.