A vila de Baiona acolle este venres a Gala da Vela Galega, un acto organizado pola Real Federación Galega de Vela, co patrocinio do Concello de Baiona, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
O Auditorio V Centenario da localidade albergará, a partir das sete e media da tarde, a unha moi ampla representación do sector do deporte da vela, entre as que destacan, principalmente os deportistas, pero na que tamén se recoñecen os méritos de institucións e empresas colaboradoras, así como o das propias entidades náuticas como son os clubs de toda Galicia.
Especial protagonismo tamén para Oficiais, Xuíces e Xurados da Real Federación, premiando o labor de persoas significativas como Sergio del Río, pola súa gran contribución presidindo este Comité nos últimos anos, ou a Mención Especial a Título Póstumo do carismático Francisco Javier Pérez-Lafuente “Chuco”, falecido o pasado ano.
No ámbito dos adestradores recoñécese o bo traballo realizado por Ero Pons, técnico nacional de 49er Júnior e campión de Europa cos irmáns Wizner. Marcos Fernández, técnico nacional de 470 Mixto xuvenil e bronce no campionato de Europa con Neus Ballester e Jaime Wizner. Ou Hugo Fernández, técnico da Selección Galega de 420, conseguindo con Natalia Domínguez e Inés Ameneiro o ouro na Copa e Campionato de 420 Sub17 e prata no Mundial.
Entre os recoñecementos máis destacados nas Mencións Especiais tamén se atopan o de Emilio Méndez, pola difusión do deporte da vela a través do blogue “Optimistas y Laseristas Viajeros”; a Regata Interclubes Ría de Pontevedra, organizada polos clubs náuticos que bañan a súa ría e entre as que se atopan a propia Comisión de Regatas da Escola Naval Militar de Marín; o Campionato de España de Fórmula iQFOIL que organizaron o Club Marítimo de Canido e o Club Marítimo de Vigo; así como un recoñecemento á Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade de Vigo, polo convenio de colaboración que mantén co Centro Galego de Vela para a preparación dos deportistas galegos.
Ao acto, que estará presidido polo Alcalde Jesús Vázquez Almuiña, confirmaron a súa asistencia, ademais dos membros da Corporación Municipal de Baiona, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; a Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; así como representantes de clubs náuticos, institucións civís e militares, empresas e estamentos vinculados á mar.

