A Fundación Provincial Banco de Alimentos necesita uns 40 voluntarios na comarca do Val Miñor para poder desenvolver con éxito o Zampakilos solidario, a primeira Operación Quilo que celebrarán este 2024.
Organizada por oitavo ano consecutivo por parte da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, a marea azul do Banco de Alimentos participará nesta campaña os próximos 8 e 9 de marzo tanto no Eroski Center de Baiona como no Eroski Hiper do Centro Comercial Nasas Nigrán.
Ademais de na comarca do Val Miñor, o Zampakilos Solidario se levará a cabo en Vigo e en distintas localidades da provincia, en concreto, mobilizaranse máis de 700 voluntarios que estarán presentes nuns 40 establecementos do grupo galego.
Para participar como voluntario nesta Operación Quilo só requírese contar con catro horas libres o venres ou o sábado, 8 e 9 de marzo, considerarse unha persoa empática coas persoas máis vulnerables e apuntarse ou a través da web: https://bancoalimentosvigo.org ou chamando ao 986263022.
Como vén sendo habitual, o próximo Zampakilos Solidario terá unha fórmula mixta, é dicir, os doantes poderán entregar alimentos físicos aos voluntarios e/ou realizar achegas económicas ao pasar pola caixa do supermercado. Vegalsa-Eroski abrirá un saldo a favor do Banco de Alimentos con todo o diñeiro recadado para traducilo directamente na compra de alimentos na súa propia cadea.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 1,9 millóns de quilos de alimentos durante 2023. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atenden a unhas 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade da provincia ás que chegan a través de máis 152 ONG e entidades homologadas coas que traballan.

