Coa mellor cifra de participación da temporada, a Copa Galicia BTT 3h Resistencia pechou o seu calendario 2024 en Vilagarcía. No quinto domingo consecutivo de competición, a cidade arousá estreou por todo o alto un evento que reuniu a 310 bikers e no que se repartiron as camisolas finais de líder do primeiro certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) deste ano. A maioría das dezaseis categorías chegaron resoltas a esta última xornada. O Club Arousa Bike BTT encargouse desta fin de festa e fíxoo ao grande. A expectación que xerou a estrea da 3H BTT Vilagarcía quedou de manifesto co tamaño do pelotón que se reuniu na liña de saída do circuíto deseñado ao pé do encoro do Con, no lugar de Castroagudín. A chuvia tampouco se quixo perder esta cita preparada con tanta ilusión.
Por parellas puxeron o broche ás súas xeiras vitoriosas os líderes masculinos e da competición mixta. Samuel Varela e Fabián Rodríguez (Cambre) marcaron a pauta por cuarta xornada consecutiva e distanciáronse en 8’30 de Juan Rey e Diego Novo (As Pontes). O outro dúo que deu dez voltas formárono Antonio Mato e Álvaro Novo (Toxo). O pleno de triunfos nesta terceira edición da Copa Galicia colleitárono Iria Nieto e Ángel Vilanova (Oiense – Compostelano) con nove xiros ao circuíto e unha vantaxe de 11’09 en relación a Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde). Jana Buba e Martín Buba (Coruxo), cun parcial menos, apuntáronse a terceira posición. En canto á carreira de remudas feminina, Yaiza Vila e Raquel Saqués (Outeiro de Rei – Creto) leváronse os trofeos de gañadoras na súa primeira experiencia como tándem neste certame.
Maillots finais
A concorrida entrega de premios en Vilagarcía, coa presenza entre outros de Carlos Coira -concelleiro de Deportes-, Gustavo César Veloso -director do conxunto profesional de estrada Tavfer-, o humorista David Amor e Óscar Sánchez -directivo da FCG-, serviu tamén para coroar ás gañadoras e gañadores das xerais finais da Copa Galicia BTT 3h Resistencia. As camisolas conmemorativas do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 que terá lugar en Pontevedra recibíronas Nerea Suárez e Adrián Caamaño en Júnior, Sofía Ferreiro (Esmelle) e Danny Buba (Coruxo) en Sub-23, Desiree Fernández e Iván Pereira en Elite, Mónica Álvarez e Manuel Parada en Máster-30, Sofía da Silva e Alejandro Paleo en Máster-40, Mónica Campagna e Juan Iglesias (Ferrol) en Máster-50, Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60, Uxía Conde e Sara Peón (Poio Bike – XSM) nas parellas femininas, Iria Nieto e Ángel Vilanova nas mixtas e Samuel Varela e Fabián Rodríguez nas masculinas.
A vindeira cita no calendario FCG de Resistencia será o Campionato autonómico, o 3 de marzo en Narón.


