O Alboroto de Javier Aguado colocouse este sábado na cabeza da recentemente estreada Liga de Inverno Baitra J80 do Monte Real Club de Yates, que disputou a súa primeira proba en augas da baía de Baiona. O veleiro liderado por Aguado e tripulado polos Lago: Javier, Juan, Ramón e Yago Lago, subiuse ao podio provisional tras vencer na única manga que se puido celebrar nunha xornada de condicións moi complicadas, con moita onda e un vento sempre por encima dos 20 nós.
Aínda que no programa da competición estaban previstas tres probas e a pesar de que o comité de regata tratou de completar unha segunda, a meteoroloxía adversa, que chegou a deixar refachos de vento próximos aos 40 nós, obrigou a abandonar a xornada cunha única manga celebrada. “Foi unha pena ter que suspender a segunda manga cando estabamos a piques de finalizala, pero o chuvasco que entrou con refachos sostidos por encima dos 35 nós obrigounos, por seguridade, a parar a competición e mandar á frota a terra”, asegurou Carlos Villar, á fronte do comité de regata.
O Alboroto foi o vencedor tras lograr impoñerse, na única proba concluída, ao Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez, Pepe Lis, Alberto García e David Fontán, co que mantivo un intenso man a man durante todo o percorrido, un trazado de ida e volta dobre entre boias, con algo máis de 4 millas en total. A terceira posición ocúpaa o Picacho de Miguel Viejo, cunha moi boa navegación durante toda a proba; e en cuarta e quinta posición sitúanse o Grupo Puma de Santiago Estévez e o Cansino de Alejandra Suárez, outras dúas das tripulacións que se adoitan coar no Top Ten das liguiñas do Monte Real.
Cunha única proba disputada e outras catro xornadas pendentes de celebrarse, todo pode pasar neste campionato co que os J80 inauguran a tempada regateira. Volverán á auga o próximo 24 de febreiro e os días 9 e 23 de marzo e 6 de abril.




