A Garda Civil investiga por un delito contra a seguridade viaria a un condutor que supera en máis de 80 km/h a velocidade permitida nunha vía interurbana. O feito tivo lugar o pasado venres 2 de febreiro, no km. 4,800 da estrada PO-510, localidade do Porriño, cando o radar do Destacamento de Tráfico de Porriño detecta a un vehículo circulando a 187 km/h nun tramo limitado a 90 km/h. Unha vez dado o alto ao devandito vehículo identifícase o condutor, un veciño de Salceda de Caselas, de 37 anos, ao que se lle realizan as probas de alcol e de drogas, dando positivo indiciario en drogas, pendente de confirmación por laboratorio.
Procédese á súa investigación por un delito contra a seguridade viaria, por exceder en máis de 80 km/h o límite permitido en vía interurbana. De ser considerado culpable pola Autoridade Xudicial, pode enfrontarse a pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, leva aparellada a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos. As dilixencias serán remitidas ao Xulgado de Garda de Porriño.
En canto ao positivo en drogas, pendente de confirmación por laboratorio, constitúe unha infracción administrativa moi grave, o que supón unha sanción de 1.000 € (500 € coa redución do 50%), e unha detracción de seis puntos do permiso de condución. Desde o Subsector de Tráfico de Pontevedra, recoméndase a importancia de adaptar a velocidade ás circunstancias e estado das vías, non superando en ningún caso os límites de velocidade establecido nas mesmas.

