Unha persoa faleceu despois de envorcar co seu vehículo no Porriño. Os Bombeiros interviñeron para sacar á vítima, un veciño de Nigrán de 39 anos, do interior do coche. Ademais, outra persoa resultou ferida e foi atendida no lugar dos feitos polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, sen chegar a ser trasladada.
O accidente ocorreu sobre as 21:15 horas da pasada noite. A esa hora, os axentes de Tráfico contactaban cos xestores de emerxencias para informar dun coche envorcado na A-55, quilómetro 21, dirección Vigo, á altura de San Salvador de Budiño, no concello do Porriño. Tampouco coñecían a gravidade dos ocupantes, sen embargo, xa solicitaban a intervención dos Bombeiros, polo que, de inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Baixo Miño e de Vigo.
Nese mesmo intre, tamén unha persoa particular informaba do mesmo accidente ao 112 Galicia. Indicaba que había dous coches implicados, un deles envorcado lateralmente. Descoñecía se había persoas feridas, aínda que comunicaba que dun coche vira saír a dúas persoas pero que do outro turismo non vira saír a ninguén.
Desde o 112 Galicia avisouse decontado ademais de aos Bombeiros, ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia, á Garda Civil de Tráfico, que xa tiña constancia, á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Así, unha vez no lugar, os profesionais sanitarios confirmaron o falecemento dunha persoa. Ademais, indicaron que outra persoa resultara ferida, pero rexeitara o traslado.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia por parte dos membros de Protección Civil, todo parece indicar, que, por mor deste accidente, outros dous ou tres coches tamén se viron implicados ao colidir por alcance. Por fortuna, ningunha outra persoa resultou ferida.

