Baiona promove a formación e o coñecemento do uso das tecnoloxías nas persoas maiores

O Concello de Baiona e a Fundación Amigos de Galicia puxeron en marcha o programa “Mellor acompañados”, co obxectivo de fomentar a autonomía e a independencia das persoas maiores de Baiona no uso do seu teléfono. O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, a concelleira de Política Social, Ana Iglesias Rodríguez, e o concelleiro de Tecnoloxías, David González Misa, acudiron ao acto de presentación e inicio do curso para dar a benvida aos participantes.

O programa inclúe catro formacións de dúas horas e media sobre as máquinas de quendas, a aplicación móbil do Sergas, o caixeiro automático ou o teléfono móbil. O programa desenvolverase os martes de febreiro (6, 13, 20 e 27 de febreiro) de 10:00 a 12:30 horas no Centro Multiusos Ángel Bedriñana situado na Rúa Carabela Pinta.

A Concellería de Política Social do Concello de Baiona, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, pon en marcha esta iniciativa que ten o obxectivo de proporcionar formación dixital e atención psicolóxica ás persoas maiores en situación de soidade, apoiando o seu envellecemento activo, así como a súa socialización. A finalidade é fomentar a autonomía e a independencia das persoas maiores.

O Concello de Baiona ten un compromiso coa formación da xente maior no uso da tecnoloxía que usamos no día a día. Un dos obxectivos prioritarios das políticas de promoción das persoas maiores da administración local é reducir a fenda dixital deste colectivo, obxectivo intimamente ligado co empoderamento das persoas maiores. O Concello vai seguir promovendo a formación e o coñecemento do uso das tecnoloxías nas persoas maiores para que estas poidan comunicarse e relacionarse virtualmente.