Somos Nigrán denuncia a inseguridade viaria no tramo en obras da EP-2106, na parroquia de Parada. O vídeo que unha persoa veciña de Parada fixo chegar á Plataforma Cidadá, mostra a situación de risco que sofren os condutores e condutoras que transitan polo tramo sen iluminación da vía en obras EP-2106 A Ramallosa-Parada.
“Estas obras cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán para dotar a parroquia dunha senda peonil, está a converterse nun escenario de intranquilidade para as persoas que conducen por este traxecto ao entrar a noite. De transitar por unha estrada ben iluminada, pasan a unha situación de total escuridade e a depender exclusivamente dos faros dos seus vehículos”, sinala Lucía Chamorro, integrante de Somos Nigrán.
Diferentes asociacións como a “Asociación de Automovilistas Europeos” (AAE) ou a “Asociación Española de Carreteras” (AEC) aseguran que a inadecuada ou insuficiente iluminación viaria incrementa nun 30% o risco de sufrir un accidente e que os sinistros que ocorren nunha vía escura revisten seis veces máis gravidade que os que teñen lugar nunha vía correctamente iluminada.
“Contar cunha boa iluminación nas estradas resulta fundamental para aumentar as condicións de seguridade de calquera vía”, manifestan desde Somos Nigrán. Doutra banda, aseguran que dita denuncia veciñal tamén foi trasladada ao concelleiro de Seguridade e Vías e Obras do Concello de Nigrán, Rubén Rial, pero que non se recibiu ningunha resposta pola súa banda.
Por todo o anteriormente relatado, solicitan ao Concello de Nigrán que se resolva este problema de inseguridade viaria coa máxima brevidade, antes de ter que lamentar algún accidente.

