Sin categoría

Corenta persoas camiñan en Baiona polo Día Mundial da Loita contra o Cancro

O Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Loita contra o Cancro, que se celebra o 4 de febreiro, organizou unha xornada de concienciación, prevención e apoio aos enfermos de cancro.

A xornada comezou ás 10:00 da mañá no Pavillón Municipal de Deportes coa lectura dun manifesto por parte da Concelleira de Política Social, Ana Iglesias Rodríguez, e a continuación organizouse unha marcha nórdica cun roteiro con charla a cargo do historiador, cronista oficial da Vila, Anxo Rodríguez Lemos.

Ao redor de corenta veciños e veciñas do municipio participaron nesta actividade que forma parte do proxecto “Deporturismo Social”, creado de forma transversal por varias Concellerías co obxectivo de ofrecer á cidadanía maior información sobre distintas enfermidades que afectan de forma importante á nosa sociedade a través do lecer e o deporte.

Ademais, durante as xornadas deportivas desta fin de semana os clubs deportivos baioneses lucirán un lazo verde, sumándose á campaña da Asociación Española contra o Cancro, e haberá unha mesa informativa na tarde do domingo no Pavillón Municipal de Deportes.