Sin categoría

Gondomar presenta o seu Entroido cunha semana chea de actividades para todas as idades

O alcalde, Paco Ferreira, acompañado da concelleira de Turismo e Comercio, Rocío Goberna, presentaron esta mañá o programa de actividades que o Concello de Gondomar ten preparado para o Entroido deste ano. Darán comezo o mércores 7 de febreiro a partir das 19:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío coa representación a cargo da Banda Infantil e Xuvenil da Escola de Música de Vincios, que acompañados por alumnos, alumnas e profesores do Conservatorio de Música Municipal de Gondomar, representarán o musical “Grease”. A entrada será libre ata completar aforo.

O venres día 9 será a quenda do xa tradicional Entroido Escolar, onde o alumnado e o profesorado dos centros educativos de Gondomar lucirán disfraces e coreografías preparadas para a ocasión. A saída terá lugar dende o Pavillón Municipal de Deportes Bernabé Costas, facendo un percorrido polas rúas do centro da vila. Ao día seguinte, o sábado 10 de febreiro estará dedicado aos máis pequenos da casa, xa que a partir das 16:30 horas na Praza Rosalía de Castro haberá un obradoiro de maquillaxe e atrezzo de Entroido para que as nenas e nenos que se acheguen poidan disfrazarse dos seus personaxes favoritos.

O domingo 11 é sen dúbida o día grande do Entroido en Gondomar. O desfile de comparsas da Vila Condal é sen dúbida un dos máis importantes da comarca. Este ano serán 17 as agrupacións que desfilarán dende a rúa Eduardo Iglesias ata a Praza Paradela para encher a vila de cor, música, baile e moita diversión e retranca. Despois dun merecido día de descanso, a festa volve o martes 13 de febreiro co Desfile Infantil de Entroido, no que as nenas e nenos de Gondomar e todos aqueles que queiran pasar unha tarde de diversión, ensinarannos os seus mellores disfraces. Será na Praza de Rosalía de Castro a partir das 16:30 horas.

O mércores 14 será o día de despedir este entroido co tradicional Enterro da Sardiña, que terá lugar ás 19:00 horas con saída dende a Praza Paradela, para en comitiva, proceder á inhumación ou indulto da sardiña na Praza Paradela. Na presentación deste programa de actividades o alcalde Paco Ferreira destacou “o esforzo tanto económico como loxístico que se fai desde o Concello para que cada ano, e sobre todo no día do desfile de comparsas, sexan miles as persoas que se achegan á nosa vila para gozar co noso Entroido”.

O rexedor quixo aproveitar para “invitar a cantos queiran vivir o Entroido, a que se acheguen a calquera das actividades programadas ou que simplemente veñan dar un paseo pola nosa vila aproveitando estes días de festa”.