Sin categoría

Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza un coloquio coas escritoras Carme Varela e Puri Cabido

Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza este venres 2 de febreiro ás 20:00 horas, na vella estación do tranvía da Ramallosa, a presentación dos libros “Faise o escuro” de Carme Varela e “Areanegra na Casa Encantada” de Puri Cabido.

Ambas escritoras estarán presentes no acto e establecerán un diálogo arredor dalgúns dos temas principais que se abordan nestas dúas obras, que foron premiadas na SELIC de Santiago na súa edición de 2022.

A obra de teatro de Carme Varela trata, a través da acción dos seus personaxes e a trama que se establece, unha serie de asuntos que forman parte da nosa realidade social, como o proceso de invasión das montañas galegas polos aeroxeradores, a manipulación da xente ou a violencia de xénero.

Pola súa banda, o ensaio “Areanegra na Casa Encantada”, de Puri Cabido, explícase o traballo desenvolvido pola Coordinadora de ensinantes Areanegra durante a crise da marea de fuel do Prestige. A este colectivo, vinculado ao movemento Nunca Máis, debemos a impoñente cadea humana que a comunidade escolar galega estendeu por moitos quilómetros da Costa da Morte en xaneiro de 2003, todo un fito naquela loita da xente pola dignidade e na defensa do mar e do medio ambiente.

Establecerase ao remate da presentación un coloquio aberto coas persoas asistentes ao acto, que será presentado polas compañeiras do Ateneo.