Sin categoría

Baiona rompe coa estética dos últimos anos na cartelería da Arribada e volve á esencia da festa

Esta mañá o valo publicitario municipal instalado na Avenida da Foz do Miñor, na entrada de Baiona, acolleu o acto de presentación da cartelería da XXVIII Festa da Arribada, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de marzo. A cartelería desta edición rompe coa estética dos últimos anos e volve á esencia da festa, a chegada da Carabela Pinta ao porto de Baiona e ao rigor histórico, todo iso baixo a técnica da ilustración de Nuria Bouzas Loureiro.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou na súa intervención que “o cartel se encargará de poñer a Baiona no mapa como o porto de chegada do regreso da viaxe de América, por iso quixemos que estas dúas ferramentas únicas de promoción, a propia Carabela Pinta, e a Fortaleza de Monterreal, sexan as protagonistas da cartelería. Trátase dun cartel que na súa esencia representa a orixe da nosa festa: a Arribada da Carabela Pinta á nosa Vila”. O rexedor explicou que a ilustración “busca volver á orixe e á esencia da festa atrapando a visión do maior número de xente posible cunha imaxe radicalmente sinxela, iso si, con moita técnica detrás pois é unha ilustración feita a man”, indicou. “Nos últimos anos a cartelería da Arribada ía soamente centrada no que é “festa” pero quixemos que a xente lembre a Baiona non soamente por iso senón tamén polo feito histórico”, matizou.

O rexedor, acompañado polo seu equipo de goberno, presidiu o acto, no que interveu tamén a Concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, e Miguel Blanco González, Xefe de Sector Provincial de Correos. A ilustradora do cartel, Nuria Bouzas Loureiro, Doutora en Belas Artes e especialista ilustradora, comentou en canto á ilustración que “se quixo rescatar a orixe da propia Festa da Arribada e por iso é polo que se collese como protagonista do cartel á Pinta xunto coa Fortaleza por ser un dos emblemas da localidade”.

Posta en marcha unha nova forma de difusión da Arribada

A Concelleira de Turismo foi a encargada de explicar a campaña de promoción desta edición 2024. “Puxémonos a traballar nunha nova forma de difusión da Arribada, buscando alternativas aos medios tradicionais e atopamos en Correos un socio colaborador moi importante. As imaxes da nosa Festa de Interese Turístico Internacional e a cartelería estarán durante todo este mes en 40 das oficinas de maior afluencia de correos de Madrid, de Castela e León e das principais cidades galegas”. Con esta colaboración preténdese “dar un paso máis aló e que a Arribada chegue máis lonxe”. En palabras da concelleira, “queremos que a Festa da Arribada sexa o principio da tempada para que os visitantes cheguen a Baiona e que non veñan soamente para quedar esa fin de semana, senón que cheguen días antes ou queden días despois, para poder gozar de Baiona, do destino, e de todo o que ofrece a súa contorna”.

Miguel Blanco González, Xefe de Sector Provincial de Correos, destacou que “desde Correos, queremos contribuír para seguir expandindo a marca de Baiona, a marca da Arribada, desde a oficina de Baiona a Cibeles, desde a Praza de Compostela a Valladolid, desde A Coruña á rúa Goya de Madrid, porque con 88 millóns de visitas o ano, Correos é uns dos destinos máis visitados do noso país que poñemos ao dispor do Concello de Baiona para atraer o maior número de visitantes posibles”.