Sin categoría

Baiona conmemora o Día Mundial da Loita contra o Cancro

O Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Loita contra o Cancro que se celebra o 4 de febreiro, organizou unha xornada de concienciación, prevención e apoio aos enfermos de cancro. A xornada comezará ás 10:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes coa lectura dun manifesto por parte da Asociación Española contra o Cancro e a continuación unha marcha nórdica cun roteiro con charla a cargo do historiador, cronista oficial da Vila, Anxo Rodríguez Lemos. Desde a Concellería de Política Social pídese a todas as persoas asistentes que veñan de verde para dar maior visibilidade á causa.

Esta actividade forma parte do proxecto “Deporturismo Social”, creado de forma transversal por varias Concellerías co obxectivo de ofrecer á cidadanía maior información sobre distintas enfermidades que afectan de forma importante á nosa sociedade a través do lecer e o deporte. Ademais durante as xornadas deportivas da fin de semana os clubs deportivos baioneses lucirán un lazo verde, sumándose á campaña da Asociación Española contra o Cancro, e haberá unha mesa informativa na tarde do domingo no Pavillón Municipal de Deportes.