A Biblioteca Municipal de Nigrán prorroga ata o domingo 4 de febreiro o horario ampliado da sala de estudo que se iniciou o 4 de decembro para atender así a necesidade de universitarios que aínda teñen exames, sendo a única do Val Miñor en ofrecer esta facilidade en cada avaliación.
Así, ata este domingo seguirá abrindo de luns a venres de 7:00 a 23:00 e fins de semana de 10:00 a 20:00 horas (o horario normal é de 9:00 a 21:00 e sábados de 10:00 a 14:00). Este tempo “extra” será exclusivamente para o uso da sala de estudo, non para os demais servizos da biblioteca.
A sala de estudo da antiga infraestrutura no Ceán contaba con 16 prazas, sendo precisamente unha das grandes demandas da veciñanza, por iso a actual Biblioteca foi deseñada cunha sala especial que multiplica a capacidade ata 68 postos e con iluminación independente en cada mesa, estando habitualmente ocupada ao 90%.

