Sin categoría

Nigrán súmase en Madrid ao “Ano Antonio Palacios”

O Concello de Nigrán sumouse esta semana en Madrid ao “Ano Antonio Palacios” polo seu 150 aniversario protagonizando un acto no Centro Galego e outro no Colexio de Arquitectos sobre o legado do célebre arquitecto porriñés no municipio. O obxectivo non foi outro que divulgar a obra de Nigrán do que se pode considerar o artífice dos edificios máis emblemáticos da capital, como poden ser o Palacio de Comunicaciones, o Círculo de Bellas Artes, o Instituto Cervantes… “Palacios é a Madrid o que Gaudí a Barcelona; pero tamén ten moita obra fóra, coa gran sorte de que en Nigrán contamos coa súa construción relixiosa máis importante, o Templo Votivo de Panxón, e un chalé da súa autoría. Moita xente de fóra de Galicia que admira a Palacios o descoñece e nos interesa especialmente achegarnos a ese turismo de calidade”, explica o alcalde, Juan González, feito que corroboran no Colexio de Arquitectos de Madrid, onde manteñen aberta ata o 9 de febreiro unha gran exposición que versa precisamente sobre as súas construcións fóra da capital.

Con esta premisa, o xoves foi presentado na entidade sede dos galegos na diáspora que, precisamente, Palacios presidiu, o libro “Le mando los planos”, escrito polo arquitecto Álvaro Bonet a través da editorial Engaiolarte e encargado polo Concello na súa versión en galego. O autor estivo acompañado polo alcalde de Nigrán, Juan González, aproveitando ademais a súa presenza en FITUR; e Lola Vázquez Villabeitia, do equipo de Cultura do CGM. Ante unha trintena de asistentes, entre elas a sobriña-neta de Palacios, Carmen Gloria Álvarez Vázquez (de 90 anos e único familiar que o coñeceu en vida) Bonet penetrouse na propia historia do Templo Votivo de Panxón; o chalé de Sileno en Praia América e os seus debuxos sobre a igrexa de Santiago de Parada, as súas tres improntas no municipio.

“Temos a sorte de contar en Nigrán cunha das obras máis fermosas da arquitectura do século XX en Galicia e, sen dúbida, a obra relixiosa máis representativa de Palacios, o Templo Votivo, por iso estamos aquí, para divulgalo e invitar aos madrileños a coñecelo”, sinalou González. “Palacios puede ser un elemento más de dinamización de Nigrán porque fuera de Galicia no es tan conocido el Templo Votivo, siendo una obra maestra en muchos sentidos y que necesita ser rehabilitada”, engadiu Bonet, quen describiu a un Palacios meticuloso, “capaz de facer marabillosas obras grandilocuentes como este Templo pero tamén recollidas como o chalé do Sileno en Praia América”. Así mesmo, destacou o seu empeño en preservar o arco visigótico da antiga igrexa de Panxón ao punto de regalar o seu proxecto do Templo a cambio de que se conservase ese arco. Bonet dá testemuña tamén no libro do interese de Palacios no Románico cuns debuxos da súa autoría sobre a igrexa de Santiago de Parada que titula “Estudio Arqueológico”.

Igualmente, o alcalde de Nigrán e Álvaro Bonet reuníronse onte no Colexios de Arquitectos de Madrid co seu vicedecano, Pablo Olalquiaga, o presidente da Fundación COAM, Miguel Lasso, e a arquitecta Dolores Muñoz, para coñecer da súa man a exposición temporal nesta sede sobre a obra de Palacios externa a Madrid e entre a que figuran planos do Templo Votivo e unha imaxe. “El turismo arquitectónico está en auge y es un turismo de calidad, Palacios es un reclamo en este sentido”, considerou Olalquiga. Así mesmo, o rexedor achegoulles varios exemplares do libro do Concello “El Legado de Palacios en Nigrán” e iniciou os contactos para traer parte da mostra ao municipio. Na visita, González firmou no Libro de Honra do COAM e coñeceu libros de actas orixinais asinados por Palacios.