O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Educación, Nuria Leyenda Gómez, visitaron a EEI O Agro de Baredo para mostrar o seu compromiso coa permanencia desta escola de educación infantil. Desde a escola, contando coa colaboración da Concellería de Educación, programáronse xornadas de portas abertas durante os martes do próximo mes de febreiro (6, 20 e 27) en horario de 16:30 a 18:00 horas. O obxectivo é conseguir que novas familias matriculen no centro aos seus pequenos. A Consellería de Educación da Xunta de Galicia fixa un mínimo de seis nenos, con todo, por agora, só teñen tres escolares garantidos para o próximo curso, pois os outros tres van comezar a etapa de Primaria no CEIP Fontes-Baíña.
O Alcalde de Baiona sinala que “o centro permanece bailando nos límites das cocientes establecidas polas administracións para mantelo aberto. O cambio de centro de tres dos alumnos ao pasar de ciclo o próximo curso pode facer perigar a continuidade desta escola, polo que desde o Concello queremos facer un chamamento ás familias que teñan nenos pequenos a que se animen a matriculalos nesta escola unitaria tan importante para os veciños. Non queremos que se perda este servizo para as familias”. O rexedor matiza que “en definitiva, desde o Concello e a Concellería de Educación loitaremos para que esta escoliña unitaria non desapareza, un lugar onde os pequenos e pequenas poden ser educados preto das súas casas, cunha atención individualizada, con aulas mixtas, onde se promove o desenvolvemento das relacións próximas, onde as idades mesturadas do alumnado contribúe ao desenvolvemento das habilidades sociais máis fortes e sólidas, onde se favorece unha maior autonomía e responsabilidade e onde se promove un ambiente comunitario familia-escola-contorna”.
O pasado verán, antes de comezar o curso actual, o Concello de Baiona realizou unha serie de melloras na escola unitaria O Agro de Baredo. Procedeuse á retirada de mobiliario do baixo da antiga casa do mestre para deste xeito gañar un novo espazo e poder utilizar as instalacións como aula de psicomotrocidade, creando unha nova área para o desenvolvemento dos máis pequenos. Tamén se procedeu á derriba dun tabique no baño gañado así maior espazo e comodidade á hora de utilizar os servizos os nenos e nenas. Realizáronse traballos de electricidade, instalado cables e enchufes para a utilización da pantalla dixital e o proxector. En canto ao patio exterior, procedeuse á colocación de bancos e papeleiras. Tamén se creou un pequeno horto ecolóxico para a aprendizaxe dos pequenos e pequenas.
Atención personalizada
Desta escola rural encárgase unha nova profesora, Marta Álvarez Garcés, chegada o curso pasado, pois o anterior profesor xubilouse, e que é outra das grandes defensoras do centro onde os alumnos manteñen un amplo programa educativo con iniciativas novas. A mestra destaca que este tipo de centro propicia que os máis pequenos desenvolvan antes a súa autonomía e comecen a asumir responsabilidades antes que o resto. Así mesmo, explica que os nenos teñen asimiladas as diferenzas de idade que existen entre eles, neste caso desde os tres aos cinco, e ofrécense apoios mutuos tanto nas cousas do día a día, como nos propios contidos. Os pais e nais que levan aos nenos a este centro tamén están fortemente implicados na loita por que este servizo tan importante para as familias non desapareza.

