Sin categoría

A Casa da Lectura reabre as súas portas en Donas

Este sábado tivo lugar o acto oficial de inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura (A Nogueira, 8 – Donas), logo de que se realizasen obras de mellora nos dous edificios existentes, grazas á colaboración entre o Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra. No acto interviñeron Concha Costas, ex presidenta de Espazo Lectura; Paula Carballeira, escritora e socia-protectora de Espazo Lectura; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; e Beatriz Núñez, presidenta de Espazo Lectura. Actuou como mantedora Yaiza Peixoto, secretaria da asociación.

A Casa da Lectura, inicialmente inaugurada en maio de 2009, acolleu durante doce anos numerosas actividades de fomento da lectura, así como unha actualizada biblioteca que se foi conformando grazas ás achegas das dezasete editoriais que son socias-protectoras de Espazo Lectura, converténdose así nun centro singular de dinamización lectora. En marzo de 2020 tivo que pechar como consecuencia das restricións derivadas da pandemia por COVID-19 e posteriormente o Concello de Gondomar acometeu obras de remodelación, dirixidas polo arquitecto Vicente Pintos. Rematadas esas obras, que afectaron aos dous edificios que se atopan no recinto, a Casa da Lectura volve abrir as súas portas para retomar as actividades de fomento da lectura e ofrecer o servizo de préstamo da súa biblioteca, que se trasladou desde xaneiro de 2022 ata xuño de 2023 aos baixos do antigo centro de saúde de Gondomar e agora regresa ás instalacións orixinais.

A inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura coincide coa celebración do 16º aniversario da fundación de Espazo Lectura, o 26 de xaneiro de 2008, aínda que a actividade fundacional que supuxo a semente do nacemento da asociación, o Contomar, comezara a celebrarse na Biblioteca Municipal de Gondomar dous anos antes, en febreiro de 2006. Ao longo de todos este anos, ademais das sesións semanais de contacontos do Contomar, foron creándose outras actividades como clubs de lectura (Lendo contigo, Sete vidas, Lecturas debuxadas, formación lectora ou Daquelas que len), actividades semanais de dinamización lectora da Casa da Lectura e outras propostas como o Comando Le ou Contos en cueiros, ademais doutras iniciativas como a Banda dos cueiros, a Noite na Biblioteca, as noites golfas, a Semana do Libro e a Lectura, o Dar de ler coma quen dá de beber, a Sentada Lectora, o asalto poético ou a Fogueira dos versos.

Todo isto é posible grazas ao traballo entusiasta e rigoroso dun amplo equipo humano de voluntariado da lectura: 30 persoas que coordinan clubs de lectura, organizan sesións de dinamización lectora na Casa da Lectura e noutros lugares da comarca, preparan actividades de formación, elaboran guías de lectura, deseñan materiais e moitas outras tarefas que fan posible un proxecto que amosa que se pode vivir a lectura como algo individual e silencioso pero tamén como unha actividade para socializar e compartir. En todos estes anos tiveron lugar 397 sesións do Contomar, 336 sesións na Casa da Lectura, 82 sesións de Contos en cueiros, 128 sesións do Lendo contigo, 77 sesións do Comando le, 138 sesións do Sete vidas, 137 sesións do Lecturas debuxadas, 22 sesións do Daquelas que len, 11 fogueiras dos versos, 16 edicións do Dar de ler coma quen dá de comer e 12 noites na biblioteca, en total, 1.353 actividades.

Espazo Lectura recibiu o recoñecemento de varios premios que supuxeron un importante revulsivo para o proxecto e a súa repercusión dentro e fóra de Galicia: o 2º Premio de Dinamización Sociocultural Everest, convocado para proxectos desenvoltos en todo o estado español; o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libros de Galicia, na modalidade de fomento da lectura; o Premio Fernández del Riego a la difusión en el ámbito editorial y cultural, concedido no 2010 pola Asociación Galega de Editores; e o Premio a la Mejor Iniciativa Cultural o de Fomento de la Lectura 2016 na Primeira Gala do Libro Galego que conceden conxuntamente a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia.

Un proxecto de futuro: o Museo do Conto

No que respecta ao futuro, un dos plans que máis ilusionan aos socios e socias de Espazo Lectura é a posta en marcha dun proxecto denominado Museo do Conto, unha iniciativa para crear un centro do libro e a lectura. Estaría constituído por un grande espazo polivalente de dinamización lectora, que contaría cun museo e integraría as actuais instalacións, a Casa da Lectura e a Casa da Mestra, xunto con novas edificacións, así como un xardín dedicado aos libros. Trátase dun proxecto pioneiro no Val Miñor e en Galicia. Elaborados xa os planos do proxecto, en colaboración co Concello de Gondomar, na actualidade o seu desenvolvemento está en fase de busca de financiamento.