Sin categoría

O PP critica a “nula supervisión das obras en execución” por parte do Concello de Nigrán

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia a “neglixente xestión e seguimento das obras en execución” por parte do Concello de Nigrán. “A corporación socialista municipal veu anunciando ao longo dos últimos anos un elevado número de obras e intervencións en numerosas parroquias do municipio; anuncios realizados aos catro ventos, con fotos e repercusión nos medios de comunicación e as redes sociais. Con todo, unha cousa é a propaganda e outra a xestión posterior, ante a que o actual goberno mostrouse sumamente neglixente”, afirma.

Como recalca Pino, o modus operandi seguido polos responsables municipais é sempre o mesmo: “primeiro anúncianse as futuras obras a realizar, coa correspondente foto de rigor e publicación nos medios, para posteriormente comezar cos problemas (atrasos, paralizacións, etc) e escusas por parte do alcalde Juan González ante tales situacións, sendo estas en grao sumo variadas (climatoloxía, os problemas ficticios das empresas responsables, etc)”. A modo de exemplo, os populares recalcan a situación das obras da rúa Otero Pedrayo, realizada maioritariamente con fondos da Deputación de Pontevedra. “A xestión da obra foi calamitosa, xa que acumula un atraso superior a 12 meses”.

Outro exemplo é a pista de atletismo e skatepark de Porto do Molle, nos que o Concello leva gastados máis de 250.000€ e actualmente atópase paralizada sen data estimada para finalizala tras a renuncia da empresa responsable. O muíño de Porto do Molle, a empresa responsable atópase fóra de prazo para finalizar as obras. Ou a reforma do campo de fútbol de Camos, anunciada durante a campaña das eleccións municipais, “quedou sen orzamento asignado e por tanto paralizada tras a última modificación de crédito realizada polo goberno municipal para poder afrontar outros gastos realizados durante o ano electoral”.

Debido a todo o exposto, desde o Partido Popular de Nigrán esíxese ao goberno municipal un maior control e revisión do proceso de execución das obras anunciadas, así como, no caso de ser necesario, o establecemento de sancións ou penalizacións por incumprimento de prazos.