A tempada de lobos mariños en Galicia vai de finais de ano a marzo do ano seguinte, é por iso que a tempada actual aínda está en marcha e iniciouse en decembro de 2023 cando foron rexistrados os primeiros casos na nosa costa. Na actual tempada foi rexistrada a presenza de dous lobos mariños varados mortos, un en Muros e outro en Mañón. O terceiro rexistro foi localizado vivo en Burela o 30 de decembro. En todo o norte Cantábrico e en Portugal tamén se observaron simultaneamente diversos exemplares, aínda que en xeral menos que noutros anos anteriores. Habitualmente os exemplares que chegan son lobos mariños cincentos xuvenís, Halichoerus grypus, de menos de tres meses de idade, nacidos nas colonias de Irlanda e en etapa de dispersión. Esta dispersión a realizan para buscar áreas de alimentación sen competencia doutros exemplares, para volver así ás súas áreas de distribución onde naceron, tempo despois, cun bo peso e estado de saúde, alí xa se poden atopar e enfrontar con outros exemplares. Os lobos mariños viven de xeito solitario e só se xuntan anualmente para reproducirse e para mudar o pelo.
A UCI de lobos mariños da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA, mantívose alerta pola persistencia do mal tempo no mar a finais de decembro, xa que esta situación podía motivar que os exemplares xuvenís de lobo mariño se dirixiran á costa na procura de refuxio. En galego, e en español, pode usarse indistintamente os nomes comúns de lobo mariño ou foca, esta última acepción de orixe francés (phoque), foi adoptada nos idiomas da península dende finais do século XIX. Os lobos mariños son coñecidos en Galicia dende antigo. Xa no século XVII, o cardenal Jerónimo del Hoyo describe aos lobos mariños na costa da Coruña denominándoos como homes mariños e indica que son un bo augurio para a pesca.
O caso OZA
Desde que foi localizada en Burela o día 30 de decembro fóronse recibindo posteriores avisos en Ares, Oleiros e A Coruña. Neste caso trátase dunha femia de tamaño grande, posiblemente adulta, e non dun cachorro xuvenil, como é habitual nos anos anteriores durante as tempadas de lobos mariños. OZA precisa sobre todo tranquilidade e respecto. Non debemos achegarnos pois pode ser perigosa se se sinte acurralada. A CEMMA notificará á Policía Local, Garda Civil e Autoridade Portuaria esta situación para evitar as molestias que poida sufrir. As molestias á fauna salvaxe poden ser punibles. Non podemos esquecer que o anterior lobo mariño grande que visitou as nosas costas, DOQUI, foi expulsado no verán de 2021 do litoral de Baiona con cans e paus facéndoo fuxir para Portugal, un comportamento absolutamente incívico e irresponsable.
Os lobos mariños na costa
Durante a tempada de lobos mariños é habitual que estes exemplares fagan uso da costa para descansar, sobre todo os días de forte temporal e con mal ondada.
Como actuar diante da presenza dun lobo mariño?
Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos en calquera punto da costa, durante a tempada invernal, non é tan rara. Temos que ter en conta que:
- Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal pode baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.
- NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden responder mordendo.
- NON BLOQUEARLLE VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.
- ATAR OS CANS se os levas, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.
- MANTER SILENCIO, os berros e barullo porano alerta e nervioso.
- AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.
- NON DELATALO, moi importante é non sacar a información en Redes da súa posición, a pesar de dar o aviso esa información é confidencial, delatar a súa presenza é aumentarlle as molestias.
Hai que ter en conta que non todos os animais que cheguen á costa precisarán ser recollidos, só aqueles, feridos ou enfermos, que persisten en ficar no mesmo lugar durante días e amosen un comportamento patolóxico. Tamén que son cachorros de meses de vida e polo tanto inexpertos e sen medo ás novidades, son tan novos que moitas veces nin saben alimentarse ben.
Rede de Varamentos de Galicia
A posta en marcha da Rede de Varamentos de Galicia foi posible coa fundación no ano 1990 da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad e Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto REVARGAL que é financiado pola Unión Europea -NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia-. A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Xunta de Galicia e do Ministerio para la Transición Ecológica, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 horas 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

