O Concello de Gondomar impulsa o turismo familiar en Fitur a través das postais do libro “Un paseo por Gondomar”. As postais creadas polo grupo Solaina resaltan a cultura e a natureza do municipio para un público infantil e familiar. O rexedor municipal Paco Ferreira, escolleu a Feira Internacional de Turismo FITUR como o escenario para revelar o tesouro cultural de Gondomar, a través destas postais que promoven a lingua, as tradicións e a cultura. As postais ofrecen tamén un QR con rutas de todas as parroquias do municipio, para un turismo sostible fomentando hábitos de vida saudables de forma lúdica para os máis cativos.
Esta iniciativa innovadora captura a esencia da rexión, resaltando a súa riqueza paisaxística e ambiental, dende petróglifos, muíños, ríos, pontes e pazos e difunde o patrimonio cultural e natural incorporando mensaxes sostibles. Información que recolle a nova web de promoción turística da vila (www.turismo.concellodegondomar.gal). O alcalde de Gondomar séntese satisfeito coas actividades de divulgación que promoven o Instituto de Estudos Miñoráns, o grupo de fusión Solaina e Espazo Lectura, asociación coa que en breve Gondomar contará co primeiro Museo do Conto de Galicia.

