Sin categoría

Encontro público cos candidatos ao parlamento galego sobre as enchentes dos ríos Miñor e Zamáns

Para a Asociación de Persoas Afectadas polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns, as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego e o Goberno de Galicia que saia delas, ten moita importancia pensando na solución e nas medidas que cómpre tomar para resolver este grave problema que afecta a tantas persoas do Val de Miñor, maiormente de Gondomar e Mañufe.

Os Ríos Miñor e Zamáns precisan dun estudo integral dos mesmos que dea a radiografía exacta do mal trato que veñen sufrindo, das consecuencias que iso provoca e, en consecuencia, das solucións que se deben tomar. Dende a Asociación resumindo, isto pasa por actuacións dende o sentido común: descubrir os ollos das pontes e abrir outros novos, evitar os atrancos na canle, controlar os recheos ilegais, controlar a vexetación alóctona, control sobre os desaugues “incontrolados” do encoro de Zamáns, os vertidos contaminantes… É dicir, vixilancia e aplicar a Lei con rigor.

Para falar de todo isto, das alternativas que teñen para esta problemática, e para escoitar ás persoas afectadas e á veciñanza en xeral da comarca, o vindeiro venres, día 2 de febreiro, ás 19:00 horas no Centro Neural de Gondomar, van participar os candidatos de PP, BNG, PSOE, SUMAR e PODEMOS. A Asociación de Afectados convida a toda a veciñanza a participar, pois probablemente non haberá outra ocasión de falar en vivo con todos eles, e sobre todo poderlle preguntar directamente sobre este asunto que tanto lle preocupa á comarca.