O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, continúa coa campaña de reforzo da limpeza viaria a través da realización dun plan de limpeza de manchas nas beirarrúas, facendo especial fincapé nas manchas de óxido. Desde o servizo de medio ambiente e limpeza municipal está a aplicarse un produto de limpeza profesional específico para erradicar as manchas de óxido, moitas delas derivadas das bases das antucas dos establecementos hostaleiros. A isto súmase o decapado nas zonas peonís tentando actuar nas rúas coa sucidade máis incrustada. Os traballos de limpeza están a levarse a cabo coa axuda de maquinaria especializada na limpeza destas características e complementan os labores habituais realizados nas rúas e prazas da localidade.
Esta iniciativa concrétase no decapado das beirarrúas con equipos de limpeza con auga a presión e outros medios mecánicos, para unha mellor limpeza viaria e a imaxe xeral do estado da localidade. O obxectivo deste reforzo é combater a acción xerada sobre as beirarrúas, para iso realízase unha limpeza en profundidade da sucidade incrustada, graxas…e sucidade persistente aos procedementos normais de baldeo e varrido. Esta acción, súmase ao reforzo dos servizos básicos de limpeza e baldeo intensivo no municipio iniciados o pasado verán á que se lle deu continuidade no outono e aos que se segue dando continuidade cos traballos que se están realizando estes días.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que “estamos a traballar intensamente para dar maior resposta aos veciños en materia de limpeza e, ao mesmo tempo, mellorar a imaxe de Baiona”. E é que segundo lembrou un dos compromisos do alcalde é mellorar o estado xeral do municipio e a calidade dos servizos básicos que ofrece o Concello aos cidadáns e cidadás, entre os que se inclúe a limpeza viaria. “Niso estamos a traballar, empezaron a notarse o resultados pero seguiremos profundando neste labor na que esperamos tamén contar coa necesaria colaboración de toda a cidadanía”.
O rexedor baionés tamén solicita “a colaboración do sector da hostalería e da cidadanía en xeral para que as rúas permanezan limpas para o goce de todos os veciños e veciñas o máximo tempo posible. “Unha Vila coas rúas limpas é fundamental para a propia hixiene da mesma e que todos os veciños gocemos do noso municipio nas mellores condicións e tamén para aquelas persoas que nos visitan e vanse cunha boa imaxe da nosa localidade”.

