Sin categoría

Fran García Rus, carácter gañador para o Vigo-Rías Baixas

Velocidade, carácter e experiencia para o Vigo-Rías Baixas. O murciano Francisco García Rus convértese nunha das grandes fichaxes da entidade presidida por José Luis Chamorro para o seu novo proxecto. O exprofesional é un dos corredores máis laureados da categoría Elite/Sub-23.

A presenza de Jesús Blanco Villar como director deportivo resultou clave para a chegada ao conxunto flúor dun ciclista que supera as 30 vitorias. “Volver ter a Suso é unha gran alegría. Para min foi como un pai no ciclismo, unha persoa coa que compartín moitos éxitos e espero seguir conseguíndoos”, comenta o esprínter de Caravaca de la Cruz sobre a relación que lle une con quen foi o seu técnico tres tempadas.

Profesional durante o ano 2019 nas filas da formación portuguesa Aviludo-Louletano, no seu palmarés sobresaen triunfos como o Memorial Pascual Momparler, o Gran Premio Macario e etapas nas Volta Navarra, Zamora, Galicia ou Provincia de València. A pasada campaña subiu ao máis alto do podio en catro ocasións, como gañador do Trofeo Concello de Zamora, Gran Premio de Cuéllar e unha etapa e a xeral do Memorial Manuel Sanroma.

“Este ano a miña prioridade vai ser gozar e se é posible conseguir algunha vitoria para o equipo. Se o logramos, estaremos máis que contentos”, afirma o velocista de 31 anos. O seu calendario de estrada combínao co de guía de tándem no paraciclismo. Nesta modalidade disputou en 2023 coa Selección Española o Campionato do Mundo e o Europeo.

Esta incorporación é a novena que o Vigo-Rías Baixas anuncia para a nova tempada e súmase ás de Eusebio Pascual, Tomás Miralles, Iván Díaz, Álvaro García, Owen Lightfoot, Javier Sánchez, Dylan Jiménez e Juan Pablo Sossa. Nos próximos días desvelaranse máis reforzos antes de que o persoal inicie a finais desta semana a concentración previa ao arranque das competicións.