O novo grupo de teatro Denigrantes Comediantes de Nigrán presenta unha nova edición do seu proxecto Vermú Comedy, o próximo 21 de xaneiro ás 13:00 horas no Casino de Sabarís (Baiona). Un espazo con encanto para unha proposta cultural nova: Vermú Comedy é unha programación de microteatro que ofrece -unha vez ao mes- unha obra de 20 minutos de duración, coa que os Denigrantes buscan sorprender e divertir ao público mentres este tómase o vermú; as obras irán rotando, coa peculiaridade de que non sempre serán representadas polo mesmo elenco. Tras a actuación, os asistentes terán a oportunidade de participar nun foro interactivo cos actores para compartir opinións e facer preguntas relacionadas co espectáculo.
Este domingo, Loli Lama e Paula Lago interpretarán a montaxe “Sopa de Colibrí”, de Ariel Capone; unha aceda traxicomedia sobre a inimizade (ou a amizade, segundo se mire), que convida á reflexión e o debate. A apertura de portas será ás 12:00 horas e a entrada será gratuíta con despacho de billetes inverso, co que a audiencia poderá gozar da actividade e decidir a súa contribución ao final dela. Sen dúbida, unha experiencia que promete un aperitivo de domingo moi especial en Baiona. O grupo Denigrantes Comediantes está dirixido por Ferran Botifoll e Marien Breis, dous experimentados actores e profesores de teatro que elixiron Nigrán como o seu fogar en busca de tranquilidade e calidade de vida despois dunha extensa traxectoria na escena nacional.
Ferran Botifoll é coñecido polo seu papel como Aigor Cajones no icónico programa “Esta noche cruzamos el Mississippi” e a súa participación en exitosas series televisivas como “Médico de familia”, “Al salir de clase” e “Aquí no hay quien viva”, ademais de formar parte da prestixiosa compañía de teatro La Cubana. Pola súa banda, Marien Breis deixou pegada en producións televisivas destacadas como “Genius” e “Centro médico”, e formou parte do recoñecido grupo teatral Animalario. Licenciada en Arte Dramática e especializada en Técnica Vocal e Oratoria, imparte clases de comunicación verbal, para aprender a falar en público.
Desde a Escola Municipal de Teatro de Nigrán, onde ambos son docentes, fraguaron a idea de crear un grupo de teatro afeccionado, ao que decidiron bautizar como Denigrantes Comediantes, en homenaxe a unha antiga compañía da localidade que levaba o mesmo nome.

