O BNG volve denunciar a inacción de Xunta e Concello na loita contra as inundacións en Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego denuncia, máis unha vez, a inacción de Xunta e Concello na loita contra as inundacións en Gondomar. Faino diante dunha resposta que a Xunta de Galiza dá á pregunta formulada polo BNG sobre o estado de execución do proxecto de Augas de Galicia para reducir o risco de inundacións en Gondomar.

A deputada nacionalista, Carmela González, trasladara o pasado mes de novembro unha pregunta sobre os plans que o Goberno galego tiña pensado desenvolver con este obxectivo. A Xunta responde que as obras non se puxeron en marcha porque entre as obrigas asumidas polo Concello de Gondomar figuraba “a posta a disposición, antes do inicio das obras, dos terreos necesarios nas condicións adecuadas para a execución das obras” e que “no momento de contestar a iniciativa do BNG”, que data do 26 de decembro, o Concello de Gondomar aínda non puxera a disposición eses terreos.

A Portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, vén de solicitar do goberno local información cumprida ao respecto e aproveitará o vindeiro pleno para preguntar directamente ao Alcalde se, tal como manifestou publicamente no mes de decembro, os terreos están efectivamente a disposición ou non.

En calquera caso, “resulta ridículo, como de nenos pequenos, este intercambio de culpas, cando o que está en xogo é resolver un problema desta dimensión”, lamenta Rodríguez, e diante desta nova edición de escusas da Xunta de Galiza e do goberno municipal, a concelleira nacionalista considera “indignante o uso partidista deste tema porque, mentres PP e PSOE perden o tempo en acusacións cruzadas, o perigo de novas inundacións mantense”, lembrou.