O GALP da Ría de Vigo – A Guarda, organismo colaborador da Consellería do Mar e encargado da xestión do programa FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura) 2021-2027 no seu territorio (Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas) presentará o vindeiro xoves 18 de xaneiro ás 19:00 horas no edificio Virxe do Carme (no porto pesqueiro de Vigo) os 11 proxectos de carácter dinamizador aprobados na recente convocatoria de 2023. A maioría das propostas se corresponden co sector pesqueiro, sendo os promotores dende Concellos ata Confrarías de Pescadores, pasando por outras entidades de interese común e empresas privadas.
Proxectos aprobados
A relación de proxectos seleccionados é moi variada. Destacan, por exemplo, a rehabilitación das carpintarías de ribeira da Seara (Concello de Moaña) para uso museístico e cultural, un proxecto terapéutico para persoas con Alzheimer pertencentes ao sector pesqueiro do Morrazo, empregando a música e os traballos colaborativos como fórmulas para loitar contra esta enfermidade, ou a creación dun espazo de formación, cooperación e divulgación sobre a economía azul chamado Blue Atlantic Foro (BAF).
Tamén contaron con financiamento dúas iniciativas baseadas na construción de portais web: unha delas é da asociación de Produtores de Mexillóns de San Adrián de Cobres para deseñar unha páxina co obxectivo de dar a coñecer o traballo desta asociación, así coma a construción dunha báscula de pesada para camións no pantalán do Porto de Domaio, e outro proxecto para reestruturar e modernizar o portal web http://www.osmaresdabaixura.com promovido pola Asociación Mar Seguro de Galicia.
As novas tecnoloxías tamén sustentan a base doutro proxecto para incrementar o valor engadido dos produtos da pesca e marisqueo, a través da modernización dos procesos de comercialización e os canais de distribución dixitais, impulsado por Sinescama. A Confraría de Pescadores “Santa Tegra” de A Guarda implementará un plan de aforro e eficiencia na Lonxa a través da identificación e difusión de boas prácticas e a posta en marcha dunha instalación de enerxía fotovoltaica.
Con cargo á convocatoria do 2023, o GALP tamén financiará a construción de tres apartamentos turísticos sostibles involucrados con todo o tecido pesqueiro de O Morrazo, a adquisición dun vehículo isotérmico para a cooperativa galega Cíes Artesanais, a implementación de novas tecnoloxías, melloras ambientais e das condicións de traballo dos empregados dunha empresa frigorífica de Vigo, e a mellora da imaxe e dos canles de comercialización de produtos e do sector do mar da Confraría de Pescadores “San Francisco” de Vigo.
Sobre estes e outros proxectos se falará o vindeiro xoves, nunha xuntanza na que se realizará unha valoración desta última convocatoria de axudas GALP, cuxo orzamento foi próximo ao millón e medio de euros, o que pon en valor a importancia deste organismo na economía galega. En breve se abrirá un novo período de presentación de proxectos, e namentres os interesados xa poden recibir asesoramento para que as súas ideas se adecúen o máximo posible á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) que rexe os criterios de concesión de axudas.

