Juan María Empleo SL iniciou este martes un novo programa de Formación Dual adaptado para persoas con discapacidade intelectual. Con este proxecto pretenden que dez persoas obteñan un certificado de profesionalidade Nivel 1 como auxiliar de comercio ademais de complementar a devandita formación con outras especialidades da familia profesional de comercio e márketing e formación en habilidades persoais e sociais ata un total de 2580 horas ao longo de tres anos. O valor diferencial deste programa é que estará baseado na metodoloxía de ensino “aprender-facendo”, especialmente efectiva nas persoas con discapacidade intelectual para afianzar os coñecementos e adquirir as destrezas necesarias para o posto para desenvolver.
A actividade laboral realizarase no seu local comercial Juan María Sin Etiquetas situado no Parque Comercial de Nasas Nigrán. Alexander, André López, André Pérez, Arantxa, Cintia, Jorge, Gala, Noelia, Pedro e Santiago, acompañados de Vanesa, Sara, Begoña e Eva afrontan con moita ilusión este novo reto que lles permitirá alcanzar a plena inserción socio laboral. Este proxecto está financiado a través da convocatoria de subvención do programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual en centros especiais de emprego (CEE) da Consellería de Emprego e Igualdade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneratiónEU e o Ministerio de Traballo e Economía Social.
Ademais, seguen contando coa colaboración de TERMAVI – Grupo Davila no mantemento e xestión da tenda. Da anterior promoción, cinco persoas conseguiron un contrato de traballo na empresa ordinaria e dúas continúan no centro especial de emprego. Juan María Empleo SL é un centro especial de emprego creado en 2014, vinculado á Asociación La Esperanza del Valle Miñor, que ten como finalidade alcanzar a integración plena na sociedade e no ámbito laboral, das persoas con discapacidade.

