Tras máis de tres meses de parón por motivos da nova Lei de Xogo, os bingos do Carme volven no mes de xaneiro. Serán no Liceo de Baiona, todos os venres, a partir das 22:00 horas e haberá aforo limitado. A asociación cumpre cos requisitos para solicitar a nova licencia e xa pode dar comezo aos bingos este mes, garantindo o cumprimento da legalidade que entrará en vigor co novo ano e o respecto absoluto a todos e cada un dos requisitos para que os veciños e veciñas poidan pasar un bo rato todos os venres.
Acaban de presentar un novo proxecto titulado “Onde manda Capitán”, unha serie de entrevistas de poucos minutos a persoas e familias con moito apego ao mar co cal queren agradecer tanto esforzo e traballo a todos os mariñeiros, redeiras, atadeiras, peixeiras, mariscadoras e demais persoas do mar.
No referente ás actividades que están a realizar, “este ano xa comezamos a facernos responsables das flores para a Virxe do Carme durante todo o ano e non só cando sexa a festa como se viña facendo”, afirma o presidente, Diego Álvarez. “Xa estamos en contacto cunha restauradora para reparar os defectos que ao longo destes anos a imaxe da virxe foi sufrindo”, engadiu o presidente. “O 16 de decembro organizamos unha excursión a Allariz que foi un éxito e xa estamos preparando a seguinte”, rematou Álvarez.
“Estamos con moita forza, seguimos a sumar socios e socias cada día, sentimos o apoio dos veciños e veciñas e queremos agradecer a colaboración de máis de 40 negocios que, a pesar de estes meses sen poder facer os bingos, seguen confiando en nós”, conclúen desde O Carme Baiona.

