Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas renova ao seu póker de promesas

O Vigo-Rías Baixas empeza a desvelar o seu persoal para a tempada 2024 con catro ampliacións de contrato. Pelayo Alonso, Pepe Pérez, Cristino Lanchas e Sergio Quevedo seguirán crecendo na estrutura presidida por José Luis Chamorro. Este póker de promesas en idade sub-21 destaca pola súa mocidade e talento.

O potencial deste cuarteto quedou de manifesto a pasada campaña na Volta a Portugal do Futuro. O conxunto flúor causou sensación na rolda máis importante do calendario luso para corredores sub-23 mercé ao gran traballo colectivo realizado ás ordes de Jesús Blanco Villar. A nivel individual, o asturiano Pelayo Alonso obtivo a oitava posición na xeral na súa primeira tempada na categoría e outro debutante como o madrileño Sergio Quevedo, a undécima.

O 2023 tamén foi o ano de estrea como sub-23 do asturiano Pepe Pérez, que adquiriu experiencia en probas tan esixentes como a Volta a Zamora, a rolda por etapas máis dura do calendario e que conseguiu completar. Pola súa banda, o abulense Cristino Lanchas deu un notable paso adiante no seu terceiro curso na categoría e defendendo as cores do conxunto olívico. Entre os seus resultados sobresaíu a terceira praza asinada na xornada de clausura do Gran Premio Cidade de Vigo.

A progresión destes corredores continuará baixo a dirección de Jesús Blanco Villar, máximo responsable deportivo do equipo por segunda tempada consecutiva. O técnico padronés e a dirección do club confeccionaron un persoal moi renovado respecto ao pasado exercicio.

Ata a concentración que terá lugar a finais deste mes, previa ao comezo do calendario, a escuadra flúor irá anunciando as incorporacións ao seu novo proxecto. Unha longa lista de fichaxes na que se apostou por corredores de proxección, con algúns toques de experiencia chamados a ser diferenciais.