Sin categoría

Nigrán organiza unha primeira limpeza de pellets en Patos e Prado

O Concello de Nigrán realizará mañá martes 9 de xaneiro a primeira limpeza organizada de pellets dos areais de Patos, Prado, Cansadoura e Madorra, onde comezaron a localizarse esta fin de semana. A acción está coordinada coa Asociación de Escolas de Surf de Patos, Club Marítimo de Panxón, os operarios municipais do servizo de limpeza PreZero e todo aquel voluntario que desexe colaborar. Para participar tan só é preciso acudir ao aparcadoiro das escolas de surf, en Patos, ás 10:00 horas e provistos de luvas, o Concello levará caldeiros para a recollida de pellets e bolsas para outros refugallos que poida haber nos areais. As consignas básicas recibidas por parte de expertos biólogos son: non escavar na area, só limpar a capa superficial; protexer as mans con luvas ao descoñecer a composición das boliñas; non extraer elementos naturais da praia; manter a distancia coas aves que se alimentan na liña de marea para non estresalas; mellor concentrarse en lugares concretos que dispersarse e evitar a masificación.

“Non temos a máis mínima información nin asesoramento por parte da Xunta. De momento hai poucos pellets pero nos preocupa a afección que supón incluso para a cadea trófica, por iso non nos imos cruzar de brazos agardando a que cheguen máis”, sinala o alcalde, Juan González, quen indica que se trata dunha primeira xornada e haberá outras “conforme evolucione a situación”. “Descoñecemos a día de hoxe a composición deses pellets e o traballo é ímprobo, resulta moi desalentador porque custa moito recollelos e identificalos, pero é o que temos que facer aínda que non sexan moitos aquí en Nigrán. O certo é que non entendemos como, unha vez máis, a cidadanía é a que ten que estar pedindo medios e información á Xunta, isto nos retrotrae aos tristemente famosos ‘hilillos de plastilina’ do Prestige. Recordemos que os primeiros pellets chegaron a Galicia o 13 de decembro e a día de hoxe non se fixo nada, nin sequera analizalos”, lamenta González, quen avanza que desde o Concello se irá informado á cidadanía da situación en Nigrán e de máis accións municipais para extraelos dos areais.