Gondomar celebrou este sábado o seu Certame de Rondallas de Reis, un dos máis singulares e tradicionais de Galicia, e que chegou á súa edición número corenta e un coa participación de 14 agrupacións da provincia, 12 delas abandeiradas, cinco procedentes de Vigo, catro de Mos, dous de Gondomar, unha do Porriño, outra de Tui e unha última de Nigrán, que sumaban en total máis de 1.100 rondalleiros e rondalleiras.
Durante máis de seis horas, por quinta vez divididas en dúas quendas, unha de mañá e outra pola tarde, as Rondallas San Mamede de Zamáns, Pontellas, Galiñeiro de Vincios, A Merced de Chaín, Helios de Bembrive, Torroso, Santa Eulalia de Mos, Peña Freixo, Herville, O Mosteiro Pexegueiro, Parada do Miñor, Valladares, Beade e Santiaguiño de Guizán encheron de cor e música as rúas da vila condal, nas que se congregaron centos de persoas.
Unha a unha fóronse formando na Avda. Eduardo Iglesias para posteriormente desfilar ata o Concello, onde despois de saudar ao alcalde, Paco Ferreira, e ás demais autoridades municipais, e recibir un detalle conmemorativo, ofreceron ao público asistente a súa actuación na Praza Paradela, limitada a 12 minutos. Despois, e antes do pasarrúas final pola Avda. Elduayen, tiña lugar o vistoso encontro entre Rondallas e o cruzamento de bandeiras, co que cada agrupación cede a testemuña á seguinte.
No repertorio puidéronse escoitar desde temas tradicionais, rumbas ou pasodobres, ata versións de éxitos de todas as décadas, sen esquecer as panxoliñas ou as bandas sonoras. “Caprichosa” de Chayanne, un remix de temas de Bon Jovi, “Uprising” de Muse, “(I Can’t Get No) Satisfaction” dos Rolling Stones, “Xirarei” de Xil Ríos, as bandas sonoras de “Superman” ou “Piratas del Caribe”, ou os temas populares “Lévame lévame” e “A saia da Carolina”, son algunhas das melodías que soaron en Gondomar.
O Concello de Gondomar leva varios anos traballando para conseguir que este certame sexa declarado festa de interese turístico galego. O rexedor local, Paco Ferreira, destacou que “as Rondallas son unha das tradicións máis arraigadas na nosa vila e o noso certame uno dos máis importantes de todos cuantos celébranse en Galicia e por tanto cremos que merece a consideración de festa de interese turístico, e para iso estamos a traballar desde o goberno local”.

