Gondomar recibiu este venres ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. A Cabalgata partiu do Pavillón Municipal de Deportes Bernabé Costas de Miranda para percorrer as principais rúas do municipio, Avda. de As Gaiandas, Avda. da Feira, Elduayen, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ángel Urzáiz, Manuel Losada, San Bieito, As Pereiras, Avda. Conde de Gondomar e Praza Paradela, para regresar de novo ao punto de partida, onde tivo lugar a recepción oficial a cargo do alcalde, Paco Ferreira.
A comitiva estivo formada pola Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, coches clásicos e as escolas de baile Paradela, LDanzia, Danzarte e IDance. Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron o percorrido subidos a un tren, repartindo caramelos e ilusión a todos os nenos e nenas da vila. Xa de volta no Pavillón e unha vez sentados nos seus tronos, as Súas Maxestades recibiron aos pequenos e pequenas que se achegaron, que puideron transmitirlle en persoa as súas peticións para esta noite.

