O Concello de Nigrán vén de editar 1.000 almanaques de mesa cunha ducia de mulleres do municipio como as grandes protagonistas de cada mes no 2024. O obxectivo desta iniciativa que naceu xa no ano 2023 con moito éxito, é visibilizar entre toda a veciñanza o papel da muller no desenvolvemento económico, cultural e social da localidade e contribuír desde a administración local a rachar coa fenda de xénero e os seus estereotipos. Estes almanaques serán entregados gratuitamente á veciñanza a través da Oficina de Información Cidadá (planta baixa da Casa Consistorial) de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ata esgotarse os exemplares.
As doce mulleres posaron ante a cámara da recoñecida fotógrafa nigranesa Ani Pérez para ilustrar cada mes facendo referencia ao seu oficio e o resultado xa está á vista. Así, xaneiro abre con Esther Nande, única campaneira de todo o Val Miñor na igrexa de Santiago de Parada; febreiro con María Fernández, presidenta do Club de Fútbol Racing de Vilariño; marzo con María del Pilar Rouco, primeira muller taxista na provincia de Pontevedra; abril con Marta Anta, Premio Mestre Mateo 2003 e 2015 por mellor deseño de vestiario e xerente dunha mercería; maio coas irmás Beatriz e Mayte Gil, da librería Paraísos de Papel; xuño coa gaiteira Emma Santos; xullo coa catedrática de Inmunoloxía África González; agosto coa directora deportiva e presidenta do Club Baloncesto Nigrán, Nuria Gómez; setembro coa xerente do club hípico “Llamas de Cea” Judith García; outubro coas catro creadoras do chourizo de cabaza “calabizo”, Keila, Edurne, Carmen e María; novembro coa condutora de autobús Julia Iglesias; e para pechar o ano a mariscadora Celeste González.
“O conxunto desta ducia de mulleres con dedicacións moi diversas representa a todas as mulleres de Nigrán. Elas, co seu traballo e o seu coñecemento, contribúen a normalizar o que sempre debeu de ser normal, por iso é importante visibilizalo e recoñecelo publicamente”, sinala o alcalde, Juan González. “Os estereotipos de xénero seguen moi vixentes na sociedade e esta ducia de mulleres, co seu papel, contribúe a que tomemos conciencia desta realidade e a que tomemos conciencia do esforzo extra que deben superar cada día as mulleres para acadar as súas metas”, explica a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, quen sitúa nesta liña a exposición e catálogo “Mulleres de Nigrán -1970” elaborado polo Concello e dirixido precisamente a visibilizar o papel da muller na historia do municipio grazas a imaxes nas que elas son as protagonistas.













