Sin categoría

A “Dona do Esteiro” de Lula Goce, entre os nomeados a mellor mural do mundo

A “Dona do Esteiro” da Ramallosa, obra de Lula Goce, está entre os nomeados a mellor mural do mundo na web Street Art Cities. As votacións estarán abertas ata o próximo 31 de xaneiro. O Concello de Nigrán contratou a esta artista internacional para a transformación da gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre a rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Pastora. Tras tres semanas pintando neste espazo anodino pero de gran afluencia de xente o resultado final é un “milagre” natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e plantas que impacta aos veciños pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares.

Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medio ambiente e tamén de orgullo de pertenza e de identidade compartida. “A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso”, explicaba Lula, asidua aos paseos polo estuario para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.

A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da “Dona do Esteiro” a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Con todo, debido ás circunstancias emocionais nas que traballou neste mural, a muller a quen Lula dedícallo si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle expón”.

A artista nada en Baiona e con obradoiro en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que agora se suma “A Dona do Esteiro”, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia… “É unha honra traballar en casa e que os veciños se mostren tan receptivos e cariñosos comigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa.