O Goberno de Nigrán aprobará definitivamente a subida do IBI nun pleno extraordinario este xoves

A Plataforma Cidadá Somos Nigrán denuncia que, a pesar das numerosas reclamacións presentadas por particulares, asociacións e grupos de veciños e veciñas, o Goberno Socialista de Nigrán aprobará definitivamente este xoves 28 de decembro a modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, o que supón un incremento do 20% no devandito imposto que sufrirá a veciñanza de Nigrán o próximo ano.

“Esta subida mostra a escasa sensibilidade social do Goberno Local, ignorando as dificultades que as persoas están a pasar para chegar a fin de mes e sen importarlle en absoluto a opinión da cidadanía. Falamos dunha subida escandalosa que afectará á calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio, especialmente ás persoas máis vulnerables. Que mesmo chega a ser ofensiva se se teñen en conta os máis de 200€ mensuais de incremento no salario de sete dos concelleiros e concelleiras socialistas con dedicación parcial ou exclusiva, así como o aumento das indemnizacións por asistencia aos plenos a 275€ para os concelleiros e concelleiras sen dedicación, ou os 175€ por asistencia ás Comisións de Goberno. Un gasto salarial próximo aos 300.000€ anuais dedicado exclusivamente a cargos públicos do Concello de Nigrán. Este malgasto, que se une á irresponsable xestión económica e os gastos caprichosos do actual goberno, obrigará á cidadanía a facerse cargo do desequilibrio que existe para cadrar o orzamento do próximo ano”, manifesta Lucía Chamorro, integrante da Plataforma Cidadá.

A reclamación presentada por Somos Nigrán viuse motivada polo total desprezo cara ao procedemento administrativo que caracteriza ao Goberno Municipal, desobedecendo puntos tanto da Providencia, como do Edicto asinados polo propio Alcalde. “A falta de transparencia e participación cidadá nos procedementos da que fai gala o Goberno de Nigrán, débese á actitude autocrática que desde hai un tempo está a tomar o Sr. Alcalde, resolvendo diversos asuntos a base de decretazos, ocultando ou maquillando a verdade en multitude de cuestións para sacar rédito político, e sen contar coa opinión pública”, finaliza Lucía Chamorro, que convida a veciñanza de Nigrán a acudir á sesión plenaria que se celebrará ás 8:30 horas da mañá, “para que comproben de primeira man o despotismo co que trata este asunto o equipo de goberno”.