Sin categoría

O enganche ilegal dun veciño deixa sen iluminación pública varias zonas de Baíña

O Concello de Baiona soluciona unha incidencia na iluminación pública de Baíña, que veu producindo graves problemas ao longo de varios días na iluminación do barrio da Igrexa, o de Eidos, e na subida de Louzán a Fontes. Durante catro días, venres, sábado, domingo e luns, estas dúas últimas xornadas correspondentes ao día de Noiteboa e Nadal, os operarios do servizo municipal do Concello de Baiona estiveron traballando para poñer solución á incidencia ata que no día de onte pola tarde, axudados por persoal de Fenosa, deron co problema: un enganche ilegal ao cadro eléctrico situado na zona da Igrexa parroquial de Baíña, para fornecer electricidade á vivenda dun veciño desa zona. Dita persoa realizou unha ponte para obter electricidade, o que produciu un fallo na subestación que deixou sen subministración á iluminación pública da zona durante todos estes días. O veciño con enganche irregular está localizado, sábese quen é e estánselle dando avisos antes de tomar outras medidas xudiciais ou policiais.

O servizo de iluminación pública do Concello de Baiona descartou que a avaría proceda das instalacións municipais da rúa. Os seus operarios municipais realizaron ao longo destes días comprobacións eléctricas ata verificar que “a instalación municipal non ten fugas e rexístranse valores de illamento correctos”. Os traballadores municipais e o concelleiro de Vías e Obras, tamén ao cargo do servizo de electricidade, visitaron a zona con Fenosa. Revisáronse as liñas de distribución eléctrica, acompañados desta empresa autorizada en varias ocasións ao longo destes días e localizouse a avaría consistindo concretamente nunha derivación nunha casa particular que facía saltar o diferencial do cadro eléctrico municipal, deixando a todos os veciños desta zona sen o servizo. Desde o Concello de Baiona déronse instrucións a Fenosa para que o veciño causante da problemática repare a derivación ou ben se lle suspenda a subministración, seguindo os requisitos legais, ata a corrección do defecto.