Este xoves 21 de decembro, solsticio de inverno, o Concello de Paradela entregaba os premios da vixésima oitava edición do Certame Manuel Oreste Rodríguez no que se presentaron 879 obras. A escritora nigranesa Soledad García recibía o primeiro premio de poesía pola súa obra “As palabras son cinzas por soprar”.
No acto, a escritora dos paseos do Miñor, Soledad García, fixo entrega da saga dos seus libros “Dedas”, “Un paseo por Nigrán”, “Un paseo por Baiona”, “A walk in Baiona” e “Un paseo por Gondomar” nunha simbiose cultural para que as nenas e nenos de Paradela coñezan a riqueza ambiental e patrimonial do Val de Miñor.
A escritora miñorá agradece “a todas e todos os que axudan a defender a cultura e a lingua galega, que é o catalizador da identidade para que esta sociedade non mingüe os seus dereitos porque onda onde, onde miras ti, reverdece na nosa horta a aorta que compartimos”.
Soledad García ten recibido no último ano premios de recoñecido prestixio polas súas obras “O Camiño de Perséfone”, premio Manuel María, “Aposiopese”, premio Leiras Pulpeiro Mondoñedo, “Vivaldi de haikus”, premio Anomar Santiago, “Nunha vila caben todos os ventos”, premio relato Enxeño Engaiolado Baiona e “Haberán de construír un cemiterio nas illas, algún día!”, premio de relato Mugardos.
Os seus traballos caracterízanse polo compromiso medioambiental e defensa do patrimonio da comarca do Val de Miñor e de Vigo. O seu poemario “Poemarcovida, palabras de imaxe e vida” é unha homenaxe ao persoal sanitario no Concello de Baiona polo seu encomiable traballo durante a pandemia. O seu último libro “Urco, una historia reciclada” é un chamamento á sociedade contra o abandono e maltrato de animais no Concello de Vigo. As súas obras están reseñadas no blog “Versos e Aloumiños” do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Antonio García Teijeiro.

